Felipe Rivas convida aos centros de ensino a visitar a exposición A historia da Galiza a golpe de Click
A exposición está organizada pola AESCLICK e a concellería de Cultura, que veñen de prorrogala ata o 26 de outubro
Felipe Rivas: “esta exposición está a ser un éxito entre as visitas ao MIHL, só en agosto, máis de 3000 persoas se achegaron a vela no mes de agosto”
Lugo, 02 de setembro de 2021. O concelleiro de Educación e Difusión do Coñecemento, Felipe Rivas, convidou aos centros de ensino de Lugo a visitar a exposición A historia da Galiza a golpe de Click, organizada no MIHL pola asociación de coleccionistas de Playmobil AESCLICK e a área de Cultura do Concello de Lugo, que vén de ser prorrogada, e continará no MIHL até o 26 de outubro. O edil de Educación explicou que “esta exposición está a ser un dos grandes atractivos para o MIHL, onde contou con máis de 3000 visitantes durante o mes de agosto, e desde a concellería de Educación animamos aos centros de ensino a visitala co estudantado para poder aprender sobre a historia de Galiza de xeito lúdico”.
Galiza a golpe de Click consta de 5 dioramas, un central de 20 metros cadrados e outros catro de 4 metros cadrados cada un, nos que se atopan representados distintos momentos da historia da Galiza como o xurásico e o paleolítico, a cultura castrexa, a Galiza Romana e unha representación de Galiza no ano 1.000.
Todas as persoas que a visiten poderán escoitar unha audioguía escaneando o código QR habilitado en cada zona. Rivas destacou "a infinidade de detalles que puxeron as integrantes de AESCLICK en cada un dos dioramas", e destacou que "esta exposición permítenos aprender unha parte importante da historia da Galiza de xeito lúdico e sinxelo".
A área de Cultura continúa a promocionar a exposición entre as veciñas e veciños de Lugo. Dous autobuses urbanos percorrerán a cidade coa imaxe da exposición, convidando a toda a veciñanza a acudir ao MIHL.