Felipe Rivas entrega os premios do XXVII certame de Contos e Relatos Curtos Trapero Pardo premia a cinco estudantes de Lugo
Felipe Rivas: “apoiamos a creación literaria das mozas e mozos, e a súa inclusión na vida cultural”
Lugo, 23 de febreiro de 2021. O concelleiro de Educación e Difusión do Coñecemento, Felipe Rivas, realizou esta tarde o acto de entrega de premios do XXVII certame de Contos e Relatos Curtos Trapero Pardo. “Apoiamos a creación literaria das mozas e mozos de Lugo, e a súa inclusión na vida cultural”, indicou Felipe Rivas.
O acto contou coa presenza de Xosé Manuel Castro Castedo, profesor de lingua e literatura galega de Educación Secundaria, Teresa Pena Moreda, directora da Biblioteca Municipal de Lugo e Margarita Calderón Fernández, Pedagoga da Concellería de Educación, integrantes do xurado do certame, e contou con concelleiras e concelleiros representando aos grupos da corporación municipal.
O Certame está dividido en dúas categorías, de 12 a 14 e de 15 a 18 anos, que contan con tres premios cada unha. Cada unha das persoas gañadoras recibiu un diploma e un lote de libros, ademais de premios de distintos valores segundo as categorías.
Na categoría de 12 a 14 anos, a gañadora, que recibe un premio valorado en 200€, foi Lucía Domínguez Pereira, do Colexio Divino Maestro, e o segundo premio, valorado en 100€ foi para Sara Pico López, do IES Muralla Romana. Na categoría de 15 a 18 anos, Rosalía Bernárdez Riopedre, do IES Leiras Pulpeiro, recibe o maior premio, valorado en 250€, seguida de Carla López Otero, do IES A Pinguela de Monforte, con 130€, e con Sara Méndez Seijo, do IES Ánxel Fole, na terceira posición, cun premio de 100€.