FELIPE RIVAS: “NESTE MOMENTO, A XUNTA DE GALIZA APORTA MENOS DO 7% DO ORZAMENTO DOS COMEDORES ESCOLARES”
Felipe Rivas solicita unha xuntanza coa Delegada Territorial de Educación “para establecer canles de comunicación entre ambas institucións”
Felipe Rivas anunciou o compromiso da concellería de educación “de estar atentas ás necesidades dos centros de ensino”
Lugo, 22 de novembro de 2019. O Concelleiro de Educación e Difusión do Coñecemento, Felipe Rivas, vén de solicitar unha xuntanza coa Delegada Territorial de Educación da Xunta de Galiza “para estabelecer canles de comunicación entre ambas institucións, e mellorar así a atención que damos á comunidade educativa”, cuestión para a que mostrou “a total disposición desta concellería”.
O edil nacionalista indicou que “nesta xuntanza trasladaremos as solicitudes que nos chegaron do último Consello Escolar Municipal, ás que non podemos dar solución dende o Concello”, e engadiu “tamén queremos traballar conxuntamente para optimizar o uso que se lles está a dar ás instalacións educativas”. Felipe Rivas anuciou o compromiso da concellería de Educación “de estar atentas ás necesidades que teñan os centros”, e indicou que pedirá á Xunta “a mesma implicación na mellora da situación do ensino”.
Felipe Rivas indicou que os comedores escolares serán un dos temas a tratar nesta xuntanza. Segundo declarou Felipe Rivas, “o Concello de Lugo fai un importante esforzo económico para que as familias lucenses poidan contar con este servizo que facilita enormemente a conciliación familiar”, e engadiu “neste momento, a Xunta de Galiza aporta menos do 7% do orzamento para un servizo que, no último ano, foi usado por máis de 600 nenas e nenos”.