“Galiza ten un gran potencial no medio rural, é preciso poñer en marcha políticas públicas para fomentalo” dixo Daniel Castro
O candidato do BNG ao Congreso, visitou un obradoiro de construción de instrumentos musicais situado en Outeiro de Rei
Castro sinalou que “é preciso garantir que o rural conte con servizos públicos de calidade, favorecendo o asentamento de poboación e o emprendemento”
Lugo, 22 de xuño de 2023. O cabeza de lista do BNG ao Congreso, Daniel Castro, visitou un obradoiro de construcción de instrumentos musicais de Outeiro de Rei e unha explotación láctea en Friol. Daniel Castro destacou “o gran potencial do medio rural galego”, e afirmou que “é necesario mellorar as condicións de vida no medio rural, garantindo que as persoas que decidan deixar as cidades e emprender no rural conten con servizos públicos de calidade e poidan emprender”.
A relevancia da política en materia rural vai máis alá das persoas que viven no medio rural e afecta o conxunto da sociedade. Con todo é imprescindíbel ter como obxectivo que as persoas que viven no rural, nomeadamente as que traballan no sector agrario, obteñan niveis de renda, recoñecemento social e servizos que lles permitan vivir dignamente.
Entre as medidas concretas do BNG, figuran reducir impostos ás pequenas empresas e pasar do 25 ao 10% o Imposto de sociedades para todas as empresas con menos de cinco traballadores e cunha facturación inferior aos 2 millóns de euros anuais. “As grandes empresas e multinacionais en cambio, pagan porcentaxes ínfimos moi inferiores ao 25% usando mecanismos de evasión como as SICAVS, que propoñemos suprimir”, explicou Daniel Castro.