O Goberno de Lugo activa a renovación da rúa do Arco e do Camiño de Sisulles, no Ceao
Alexandre Penas: “trátase dunha zona moi utilizada polas traballadoras e traballadores na que actuamos para garantir a mellor calidade das infraestruturas nas zonas industriais”
A renovación destas rúas está en proceso de licitación, e sae a concurso cun orzamento máximo de 68.244,56€
Lugo, 14 de abril de 2022. O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, anunciou que o goberno de Lugo iniciou o procedemento para renovar a rúa do Arco e o Camiño de Sisulles, no Ceao. Penas explicou que “son dúas rúas moi utilizadas polas traballadoras e traballadores desta zona do polígono do Ceao, que se atopan nun estado moi avanzado de desgaste”, e engadiu, “desde o Goberno de Lugo continuamos a traballar en garantir a mellor calidade nas instalacións públicas das zonas industriais de Lugo”.
Na actualidade, o firme destas rúas atópase nun estado de desgaste avanzado, o que fai necesario repavimentar para garantir a correcta funcionalidade da vía. Os traballos a executar consistirán na limpeza da vía, que continuará co bacheo superficial da banda de rodadura actual, e instalarase unha nova capa de rodadura baseada en mestura asfáltica en quente, cun espesor medio de 5cm, que asegurará o selado do firme ante a acción da auga superficial, o que asegurará que a intervención sexa duradeira. Unha vez rematado o asfaltado, adaptaranse os rexistros á nova cota da vía e renovarase a sinalización horizontal.
A actuación saíu a licitación por un orzamento máximo de 68.277,56€, e un prazo de execución de 3 semanas. As empresas poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro xoves 27.