O Goberno de Lugo inviste máis de 300.000€ nos polígonos do Ceao e das Gándaras
Rubén Arroxo: “renovamos o asfalto dunha rúa do polígono das Gándaras e de dúas do Ceao que acollen unha gran cantidade de tráfico pesado”
Renovarase o asfalto da rúa A do polígono das Gándaras, e das rúas da Inspección e da Agricultura no Ceao, onde tamén se renovarán as canalizacións e a drenaxe
Lugo, 10 de xullo de 2022. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, anunciou un investimento de máis de 300.000€ na renovación de tres rúas dos polígonos do Ceao e das Gándaras. “Trátase da renovación do asfalto de tres rúas de ambos polígonos debido ao avanzado estado de desgaste da capa de rodadura, avanzando no mantemento das zonas industriais da cidade”, explicou Rubén Arroxo, que engadiu “isto súmase ás actuacións executadas recentemente, tanto na Campiña como na rúa da Industria do Ceao, que permitiron mellorar a contorna e os accesos dos lugares de traballo de moitas veciñas e veciños de Lugo”.
O Goberno de Lugo executará a renovación do asfalto da rúa A do polígono das Gándaras, o acceso principal ás Gándaras desde a Rolda Norte, e que a diario acolle unha gran carga de tráfico, entre o que se atopa un importante número de vehículos pesados. Renovarase o firme deste treito con asfalto en quente, ademais de instalarse nova sinalización horizontal. O proxecto aprobado sairá a licitación cun orzamento base de 95.890,30€.
No polígono do Ceao, reurbanizaranse as rúas da Inspección e o treito inicial da rúa da Agricultura, nun proxecto que sairá a licitación cun orzamento máximo de 225.615,18€. Os traballos consistirán na renovación do asfalto e dos accesos ás naves con asfalto en quente, ademais das beirarrúas. Ademais, instalarase unha nova canalización de auga e renovarase a recollida de augas pluviais.