O Goberno de Lugo renova o asfalto do treito final da avenida das Américas
Rubén Arroxo: “renovamos o asfalto dunha das entradas de Lugo que máis tráfico acollen a diario”
Os traballos tiveron lugar no treito entre as rúas Pomar e Manuel Leiras Pulpeiro, aplicando unha nova capa de rodadura
Lugo, 04 de setembro de 2022. O Goberno de Lugo vén de completar a renovación do asfalto no treito final da avenida das Américas, no treito comprendido entre as rúas Pomar e Manuel Leiras Pulpeiro. O Tenente Alcalde e responsábel de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, afirmou que “continuamos a atender a todas as zonas da cidade, renovando o asfalto nunha das entradas de Lugo que máis tráfico acollen a diario”.
A solución adoptada polo Goberno de Lugo consistiu na aplicación dunha capa de rodadura baseada en mestura asfáltica en quente, que asegurará o selado do firme ante a acción da auga superficial, o que fará que esta intervención sexa duradeira.
Desde o Goberno de Lugo continúase a traballar na mellora dos viais de Lugo, mellorando a calidade de vida das veciñas e veciños que a diario utilizan estas rúas.