O Goberno de Lugo traballa no plan de tráfico alternativo para facilitar a construcción da Rotonda de San Eufrasio
Rubén Arroxo: “buscamos que durante o desenvolvemento dos traballos a veciñanza teña accesos alternativos ás rúas afectadas, sen interferir co desenvolvemento da obra”
A área de Mobilidade estima o inicio da actuación no mes de maio
Lugo, 21 de abril de 2021. O Tenente de Alcalde e responsábel da área de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, deu conta dos avances realizados de cara á construcción da rotonda de San Eufrasio. Arroxo explicou que “o persoal da área de Mobilidade está a traballar nun plan de tráfico alternativo que permita á veciñanza acceder ás rúas afectadas polas obras sen interferir co desenvolvemento dos traballos”.
O Tenente de Alcalde avanzou que a área de Mobilidade estima o inicio dos traballos durante o mes de marzo, e explicou que “mellorarase o funcionamento deste cruce, eliminando un dos puntos negros máis importantes da cidade”. A execución da rotonda foi adxudicada por 107.871,50€, á empresa Ovisa Pavimentos y Obras SL, que terá un prazo de execución de 6 meses.
“Desde a chegada do BNG ao goberno municipal fixemos da actuación en San Eufrasio un dos eixos de traballo da área de Mobilidade e Infraestruturas”, declarou Rubén Arroxo, que engadiu “o proceso comezou coa solicitude de cesión do vial por parte da Xunta, ao mesmo tempo que se redactaba o proxecto”. “Ao realizar ambas xestións de xeito paralelo conseguimos acurtar os prazos, dado que unha vez a Xunta de Galiza executou a cesión do vial, puidemos iniciar o procedemento de contratación, tratando todo o tempo de acurtar os prazos ao máximo posíbel segundo o marcado na legalidade vixente”, afirmou o edil nacionalista.