As liñas de bus urbano retornan á normalidade unha vez rematada a vixencia da orde ministerial
A partir do luns recupéranse as liñas 1A, 3, 5, 7, 10 e 12, que foron suprimidas durante o período de aplicación do Real Decreto-Lei 10/2020
Lugo, 12 de abril de 2020. A área de Mobilidade, unha vez rematada a vixencia da orde TMA/306/2020 do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, recuperará a partir deste martes as frecuencias habituais do servizo de transporte urbano. O bus urbano recuperará as liñas 1A, 3, 5, 7, 10 e 12, que foron suprimidas durante as pasadas semanas.
O Tenente de Alcalde e responsábel da área de Mobilidade, Rubén Arroxo, pediu desculpas á veciñanza afectada polas suspensións. Rubén Arroxo afirmou que “entendemos dende o principio que esta suspensión non era necesaria”. Arroxo lembrou que “as persoas que están utilizando o transporte público é porque necesitan realizar eses desprazamentos”.
O responsable de mobilidade lembrou tamén que Lugo foi unha das primeiras cidades en tomar medidas de seguridade no transporte público, xa que días antes de declararse o estado de alerta xa se marcaran pautas para mellorar a seguridade no transporte público, e no propio día suprimiuse a entrada pola porta dianteira e inutilizáronse unha de cada dúas filas para incrementar as distancias.