Lugo celebra o 75 aniversario do Cemiterio Municipal

A Tenencia de Alcaldía organizará actividades durante todo o ano distintas actividades que mostrarán a historia do Cemiterio

Rubén Arroxo e Cristina López abriron o novo espazo perinatal que se habilitou na zona nova do Cemiterio

Lugo celebra o 75 aniversario do Cemiterio Municipal

Lugo, 24 de febreiro de 2022. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo e a concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, achegáronse hoxe ata o Cemiterio Municipal, onde a Tenencia de Alcaldía prepara un extenso programa para celebrar o 75 aniversario desta instalación. A concelleira de Participación destacou que a Tenencia de Alcaldía prepara “un programa extenso para dar a coñecer a historia do Cemiterio de Lugo”, celebración que comezou hoxe coa apertura do novo espazo perinatal, “unha iniciativa pioneira nos cemiterios galegos que permitirá ás familias ter un lugar para pasar o duelo en casos de morte xestacional ou perinatal”.

Neste ano cúmprense 75 anos desde que o actual Cemiterio Municipal de San Froilán substituíu ás antigas instalacións de Magoi. Cristina López destacou a versatilidade do deseño de Eloi Maquieira para realizar actividades como as visitas nocturnas ou as distintas actividades culturais organizadas durante todo o ano, que fixeron que o cemiterio de Lugo fose incluído na Ruta de Cemiterios Históricos Europeos e gañase o recoñecemento de National Geographic como un dos cemiterios máis bonitos do mundo.

As actividades comezaron hoxe coa apertura dunha exposición fotográfica que, a través de 75 imaxes, recollen a historia do Cemiterio Municipal de San Froilán, recollendo actividades, eventos e lembranzas de todos os anos de servizo desta instalación.

Novo espazo perinatal

Esta mañá abriu tamén o novo espazo perinatal do Cemiterio Municipal, un espazo que, segundo explicou Cristina López, “será unha axuda para o entorno familiar no proceso de superación do duelo perinatal”.

As persoas que perderan fillos durante a xestación ou ao pouco de nacer contan xa cun espazo específico no Cemiterio de Lugo, dando visibilidade a un tipo de duelo moi presente na sociedade, mais que continúa a estar moi silenciado. Habilitarase tamén unha exposición sobre o duelo perinatal, na que se está a traballar en conxunto co Colexio Oficial de Enfermaría.

Lugo celebra o 75 aniversario do Cemiterio Municipal