Luís Davila decora a pasarela do centro de saúde de San Roque cun mural
Maite Ferreiro: “continuamos coa decoración dos espazos urbanos da cidade con muralistas de recoñecida traxectoria”
Luís Davila (Pontevedra, 1972) é deseñador e humorista gráfico, e goza de gran recoñecemento polas viñetas publicadas co nome de O Bichero
Lugo, 17 de xuño de 2022. As concelleiras e concelleiros da Tenencia de Alcaldía visitaron a pasarela de San Roque, onde o deseñador e humorista gráfico Luís Davila está a encargarse de decorar os piares da pasarela e o muro da rúa Ramón Montenegro cun mural. Maite Ferreiro afirmou que “desde a área de Cultura continuamos a traballar na decoración dos espazos urbanos de Lugo con murais realizados por artistas de recoñecida traxectoria, como é o caso de Luís Davila”.
O novo mural da continuidade á actuación realizada nesta zona no ano 2020, cando a área de Cultura realizou un mural sobre o himno galego na escalinata da Ronda das Fontiñas. Maite Ferreiro lembrou que “desde a Tenencia de Alcaldía do Concello de Lugo apostamos por mellorar a estética desa zona da cidade ao mesmo tempo que rendiamos homenaxe a un símbolo da nosa cultura como é o himno, e ás figuras de Eduardo Pondal e Pascual Veiga, creador da letra e compositor da música, traballando para dar a coñecer o patrimonio cultural de galego e lucense, e que a veciñanza o coñeza e o valore”.
Luís Davila (Pontevedra, 1972) é deseñador e humorista gráfico, recoñecido especialmente polas súas viñetas, publicadas co nome de O Bichero. Estudou na Escola de Artes e Oficios Artísticos Pablo Picasso da Coruña. Na actualidade traballa como viñetista e ten autoeditado varios volumes nos que se compilan os seus mellores debuxos cómicos.