Máis de 600 persoas visitaron A Revolta dos Clicks na primeira semana de agosto

A nova exposición do MIHL acumula 1.556 visitantes desde a súa apertura a mediados de xullo

Rubén Arroxo: “esta nova exposición busca repetir o éxito do ano pasado, cando máis de 10.000 persoas se achegaron ao MIHL, cunha nova mostra sobre a revolta irmandiña”

Máis de 600 persoas visitaron A Revolta dos Clicks na primeira semana de agosto

Lugo, 18 de xullo de 2021. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo informou sobre os datos de visitantes da exposición A Revolta dos Clicks, organizada por AESCLICK e a Concellería de Cultura do Concello de Lugo, que se pode visitar no MIHL. En total, 1.556 persoas se achegaron ao MIHL a visitar esta exposición, das cales 607 realizaron a súa visita nos primeiros 7 días do mes de agosto.

Rubén Arroxo destacou que esta mostra "é unha maneira espectacular e divertida de achegarse á historia de Galiza, unha actividade lúdica e formativa para toda a familia, na que buscamos repetir o éxito da mostra organizada o ano pasado, con máis de 10.000 visitantes"

A Revolta dos Clicks consta de 5 dioramas, un central de 20 metros cadrados e outros catro de 4 metros cadrados cada un, nos que se atopan representados distintos momentos da revolta irmandiña e da vida nas poboacións galegas do século XV. Como o ano pasado, a mostra contará cunha audioguía, que se poderá escoitar escaneando o código QR habilitado en cada unha das zonas da mostra.

Rubén Arroxo destacou "a infinidade de detalles que puxeron as integrantes de AESCLICK en cada un dos dioramas", e animou ás veciñas e veciños de Lugo e a todas as persoas que se acheguen durante o verán a visitar o MIHL e coñecer un anaco máis da historia da Galiza.

 
 
 
Máis de 600 persoas visitaron A Revolta dos Clicks na primeira semana de agosto