Maite Ferreiro: “agardamos que Lugo se convirta no 2023 na Capital da Cultura do Eixo Atlántico”
A concelleira de Cultura destacou que “neste mandato desde a área de Cultura traballamos para que Lugo contara con actividade cultural de calidade e sostida no tempo”
A área de Cultura reforzará a programación nos anos 2022 e 2023 para optar ao recoñecemento do Eixo, que xa recoñeceu a cidades como Vilanova de Gaia, Braga, Ourense ou Viana do Castelo
A candidatura de Lugo a Capital da Cultura do Eixo Atlántico aprobouse por unanimidade na xuntanza da Comisión de Culta do Eixo desta mañá, celebrada en Guimarães
Lugo, 20 de abril de 2022. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, destacou que a actividade cultural posta en marcha pola área de Cultura neste mandato “converte a Lugo na mellor candidata a Capital da Cultura do Eixo Atlántico“.
Maite Ferreiro destacou que “Lugo conta cunha gran actividade cultural e cun tecido local moi diverso, contando con grandes profesionais de recoñecida calidade e con agrupacións emerxentes”, e engadiu “todas as semanas contamos cun gran número de actividades culturais tanto nas instalacións públicas como as procedentes da iniciativa privada”.
Ferreiro afirmou que “desde a área de Cultura poñeremos todos os esforzos para apoiar a candidatura de Lugo a Capital da Cultura do Eixo Atlántico e conseguir este recoñecemento á calidade e cantidade da programación cultural da nosa cidade”. A candidatura de Lugo a Capital da Cultura do Eixo Atlántico foi aprobada hoxe por unanimidade na xuntanza da Comisión de Cultura do Eixo, celebrada esta mañá en Guimarães.
Espazos culturais
Lugo conta cun numeroso patrimonio cultural, tendo na cidade tres Patrimonios da Humanidade, a Muralla, o Camiño Primitivo e a Catedral, e cunha importante cantidade de instalacións culturais, entre as que destacan as xestionadas pola área de Cultura como a rede de salas museísticas municipais (Casa dos Mosaicos, Sala de Exposicións Porta Miñá, Centro Arqueolóxico de San Roque, MIHL e Vello Cárcere), que contan con exposicións que mostran o pasado de Lugo e con espazos expositivos para mostrar a obra tanto das e dos artistas locais como mostras innovadoras con recoñecementos internacionais. A oferta expositiva da cidade compleméntase coas instalacións dependentes de outras administracións, como o Museo Provincial, o complexo do CentrAD e a capela de Santa María, xestionadas pola Deputación de Lugo, a Casa do Saber, xestionada pola USC, ou as instalacións dependentes da iniciativa privada como o Círculo das Artes ou o espazo expositivo de Afundación.
Actividade Cultural
Maite Ferreiro destacou a actividade cultural na que anualmente traballa e colabora o Concello de Lugo. “Durante todo o ano, enchemos o Auditorio Municipal Gustavo Freire con programación teatral de calidade, con representacións premiadas en distintos certames e cunha gran aposta polas compañías galegas e polas lideradas por mulleres”, afirmou Maite Ferreiro, que engadiu "esta programación está pensada para o deleite das amantes do teatro e para facilitar un achegamento a esta arte por primeira vez". A programación teatral compleméntase coa Mostra de Teatro Clásico, que este ano celebrou a súa edición número 22, “un referente para as amantes do teatro clásico que leva o teatro ao Auditorio Municipal e ás rúas da cidade”, explicou Maite Ferreiro.
A área de Cultura aposta tamén polo resto de artes escénicas con ciclos repartidos ao longo do ano.
Deste xeito, a danza ten o seu espazo no ciclo Lugo en Danza, único na Galiza, ao ser Lugo e A Coruña as únicas cidades que contan con programación estable de danza. Este ciclo foi posto en marcha neste mandato, e coloca a Lugo como un punto importante desta arte escénica no calendario estatal e permite atraer espectáculos de primeira calidade, ao mesmo tempo que a área de Cultura apoia ás creadoras e creadores locais e galegas. O ciclo LED entrará, no segundo semestre deste ano, no circuíto de programación Circula, grazas a obter o apoio da Plataforma das Artes do Movemento de Galiza. Este circuíto naceu co obxectivo de facilitar a mobilidade das e dos profesionais da danza, e está impulsado por asociacións profesionais de danza de Catalunya, Cantabria, Madrid, Comunidade Valenciana, Andalucía e do País Vasco. A edición 2022 deste ciclo conta con espectáculos no Auditorio e no MIHL, e como novidade desenvolverase unha programación expandida, con distintas actividades ao longo do ano. "Partimos da idea de que as potencialidades das e dos artistas non se restrinxan só ao escenario, dando a posibilidade de establecer vínculos co público en obradoiros ou encontros", explicou a edil de Cultura. Lugo en Danza compleméntase co festival Cartografía en Movemento e coas distintas colaboracións entre Cultura e o Conservatorio de Danza. Ademais, o Goberno de Lugo a través da área de Cultura apoia a investigación no eido da danza a través do programa de residencias artísticas Atopémonos Bailando.
O Muralismo conta co festival de arte urbano Culturban, que este ano celebra a súa terceira edición, e que conta cun xeneroso legado repartido por todo a cidade, diversos murais en fachadas e medianeiras forman parte xa da identidade e memoria colectiva da nosa cidade. Nesta edición, a mostra contará coa presenza de artistas cunha dilatada traxectoria no muralismo, como Yoseba Muruzabal (Cambre) co seu popular proxecto (Superavoas) "Fenómenos do Rural", Xoana Almar (Santiago de Compostela) do colectivo Cestola na Cachola e Doa Oa (Sober) coa súa constante apoloxía á beleza da natureza, ademais, nas actividades paralelas programadas, contarase con intervencións artísticas de Pelucas Pilas Bubbles (Vigo), Branca Escrigas (Valdoviño) ou Xema López (Lugo). De cara á promoción do muralismo, o Culturban conta co Combate Mural, onde 10 artistas seleccionados por convocatoria competirán durante unha xornada, onde terán que realizar un mural contando os mesmos materiais, o mesmo tempo e mesmas temáticas. A pintura conta tamén co seu espazo no certame de pintura rápida ao aire libre, que cada verán contribúe a proxectar Lugo, tanto entre os propios participantes, como a través dos cadros, que recollen moitos dos recunchos da cidade, achegando a Lugo a pintores de todas as partes do Estado.
A música ten o seu prato forte durante a celebración do San Froilán, a gran festa do outono galego. Declarada Festa de Interese Turístico Galego e Estatal, anualmente conta con máis dun cento de actividades musicais, ademais de espectáculos itinerantes, pasarrúas, maxia e actividades deportivas. Cada ano, o San Froilán conta con preto de 50 agrupacións lucenses, e con grupos de gran calidade, como as Tanxugueiras, que tiveron presenza nas edicións 2019 e 2021 do San Froilán. Os grupos musicais de Lugo contan tamén co ciclo Muralleando, que naceu no 2020 como unha maneira de apoiar ao tecido cultural da cidade durante o confinamento, cando se puido comezar a pasear pola Muralla, e no 2021 se consolidou na programación cultural do verán como un ciclo de concertos de agrupacións locais.
Lugo conta tamén cunha programación infantil de calidade. Durante todo o ano organízanse actividades de animación á lectura e contacontos na Biblioteca Municipal, ademais de contar con actuacións para público familiar na programación anual de teatro. Durante o verán, organízase o ciclo Tarde e Tardiña, que cada xornada trae un espectáculo para público familiar e un recital de poesía que conta con varias das mellores voces da poesía galega contemporánea acompañadas de música, e no mes de setembro, o que queda de verán consolidouse nos últimos dous anos como unha mostra de espectáculos de circo, teatro e música para público familiar.
As actividades culturais de Lugo compleméntanse con actividades nos distintos barrios, que se celebran ao longo de todo o ano, ou coa celebración de festas como o Arde Lucus, festa de interese turístico estatal, o caudal fest, ou a Semana Santa de Lugo.
O calendario cultural de Lugo complétase con actividades coas que colabora a área de Cultura, como o Festival de Música do Corpus, a Semana da Maxia ou o Festival de Jazz, actividades que contan cunha gran historia na cidade.
Promoción turística
O Goberno de Lugo traballa na promoción turística da cidade tanto a través da campaña Lugo Km 100, que aposta por poñer en valor a cidade de Lugo e o seu patrimonio histórico e cultural e busca converter a Lugo no centro neurálxico do turismo de proximidade na Galiza. Ademais, desde a área de Cultura colabórase con iniciativas postas en marcha pola Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería de Lugo, en actividades como o Concurso de Tapas, unha actividade importante tanto para a promoción turística da cidade como para a promoción da hostalería local.