FERREIRO: "O SAN FROILÁN 2024 CONTA CUNHA PROGRAMACIÓN MUSICAL DIVERSA, HOXE CONFIRMAMOS A UNHA DAS PERSOAS MÁIS RELEVANTES NA MÚSICA GALEGA DOS ÚLTIMOS ANOS"

Maite Ferreiro anuncia a Sés para o San Froilán 2024

A praza Horta do Seminario acollerá á coruñesa o 6 de outubro a partir das 22:00

Ferreiro: "O San Froilán 2024 conta cunha programación musical diversa, hoxe confirmamos a unha das persoas máis relevantes na música galega dos últimos anos"

Maite Ferreiro anuncia a Sés para o San Froilán 2024




Lugo, 02 de setembro de 2024. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou á música coruñesa Sés como nova confirmación da gran festa do outono galego. Ferreiro afirmou que "Sés é unha das voces máis relevantes na música galega, que formará parte da programación do Domingo das Mozas, unha data adicada cada ano á nosa cultura". Segundo Ferreriro, o San Froilán 2024 "conta cunha programación musical diversa para que todas as persoas que viven en Lugo ou nos visiten sintan que estas festas son súas e que a nosa veciñanza se sinta orgullosa de ser de Lugo".

Sés, domingo 6 de outubro ás 22:00 na praza Horta do Seminario
Comezou a súa formación no baile e na música tradicional galega. Tamén é mestra e licenciada en filoloxía galega e antropoloxía social.
Foi no ano 2007 cando creou o grupo Chámalle Xis! xunto con outros tres amigos. Foron un dos grupos revelación daquel ano e un dos gañadores do concurso A Coruña Son, apadriñado por Santiago Auserón. Despois de máis de 30 concertos por toda Galiza con Chámalle Xis! e logo de colaborar con grupos e artistas coma Zënzar, Xabier Díaz, Xosé Bocixa e Guillerme Fernández, en 2010 Sés gravou unha maqueta con tres temas "Tola atrás de ti", "Admirando a condición" e "Se te vas", producida por Airapro. En marzo de 2011 gravou o seu primeiro álbum de estudio chamado Admirando a condición, e o 7 de xuño de 2013 presentou o segundo álbum Co xenio destrozado, no Teatro Principal de Santiago de Compostela. En 2015 saíu á venda o seu terceiro disco: Tronzar os valos. En novembro de 2016 lanza o sinxelo A Paz Esquiva, preludio do seu cuarto álbum: Opoñerse á extinción, que se lanza o 2 de decembro de 2016. En novembro de 2017 presenta o sinxelo Readmirando a condición, preludio do seu quinto álbum de estudio, que recolle ademais as once cancións do seu primeiro álbum, Admirando a condición (2011), das que sempre se queixara do arranxo feito daquela; desta volta os doce tracks están musicados e arranxados pola propia Ses, que exerce nel de produtora musical e executiva.
Son un total de 8 discos gravados en 12 anos de carreira.
En marzo de 2019 viu a luz Rabia ao silencio, un álbum no que versiona cancións revolucionarias, principalmente de Latinoamérica (Carlos Puebla, Mercedes Sosa ou Soledad Bravo entre outros) aínda que tamén de Portugal (José Afonso) ou de Galiza (Fuxan os Ventos). En febreiro de 2020 publicou un novo disco, Liberar as arterias, con 12 novas cancións. O título é unha homenaxe á activista e poeta Luz Fandiño, cuxos versos están musicados no tema que dá nome ao álbum. 

Maite Ferreiro anuncia a Sés para o San Froilán 2024