Maite Ferreiro anunciou o premio do XXII Certame de Narración Curta “Ánxel Fole”
Afogada, de Rocío Leira, resultou a gañadora desta edición, que recibirá un premio de 4.000€ e a publicación da obra por parte de Xerais
O xurado destacou “a calidade das voces e a orixinalidade da estrutura proposta”
Lugo, 08 de xuño de 2020. A área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua deu a coñecer no día de hoxe o fallo do xurado da XXII edición do Certame de Narración Curta “Ánxel Fole”. A edil de Cultura, Maite Ferreiro, informou que “debido á situación sanitaria, a xuntanza do xurado tivo que pospoñerse e realizarse de maneira telemática”. Maite Ferreiro destacou este certame como “unha cita importante tanto para as nosas escritoras como para a lingua galega”. A obra Afogada, da ceense Rocío Leira, foi a escollida polo xurado nesta edición.
O xurado estivo formado por Ánxela Gracián, tradutora, escritora e editora, Manuel Bragado Rodríguez, ensaísta, crítico e editor como representante de Edicións Xerais de Galiza e Xosé Antonio Neira Cruz, escritor, xestor cultural, tradutor, editor, guionista e xornalista, gañador da pasada edición deste certame. As tres integrantes do xurado destacaron “a calidade das voces narrativas presentadas, e a orixinalidade e dificultade da estrutura proposta pola autora”.
Edicións Xerais de Galiza publicará a novela, da que destacan “a súa excelencia como novela de intriga, tanto pola súa estrutura formal, dende a utilización da multiperspectiva, a diversidade de tipoloxía textual e a polifonía de voces narradoras, así como a riqueza temática que expresa”. Rocío Leira recibirá tamén un premio de 4.000€.