Maite Ferreiro presenta as actividades do Samaín 2020, “que organizamos pensando na seguridade das persoas asistentes”
6 actividades seguras terán lugar no MIHL, no Vello Cárcere e polas rúas do centro
A proposta inclúe un concurso de decoración de escaparates “para colaborar coa recuperación do comercio local”
Lugo, 21 de outubro de 2020. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou as actividades do Samaín 2020, que incluirá un total de 6 actividades que, segundo declarou Maite Ferreiro, “organizamos seguindo coa cultura segura, pensando na seguridade de todas as persoas asistentes”. Ferreiro afirmou que “desde a área de Cultura mantemos a nosa aposta pola cultura segura e por reactivar o tecido cultural local”, e engadiu “tamén incluímos accións destinadas a colaborar coa recuperación do comercio local”.
O Vello Cárcere e o MIHL acollerán obradoiros para nenos e nenas, mentres as rúas da cidade acollerán tamén actividades seguras para toda a familia. O Vello Cárcere acollerá os obradoiros lúdicos SAMAÍNeANDO no Vello Cárcere: aprende e xoga no Samaín, con grupos de distintas idades durante todo o día 31 de outubro. Entre as 11:00 e as 12:00 terá lugar o obradoiro para nenas e nenos de 8 a 12 anos, de 11:30 a 12:30 para nenas e nenos de 3 a 5 anos e de 17:45 a 18:45 para nenas e nenas de 6 a 8 anos. A inscrición terá que realizarse por adiantado no teléfono 982 297 446. O MIHL organiza obradoiros para nenas e nenos de 4 a 12 anos. O sábado 31 entre as 17 e as 19 horas realizaranse máscaras terroríficas e o domingo 1 á mesma hora exploraranse as cores do Samaín.
A Santa Compaña pasará polas rúas de Lugo o venres 30 e o sábado 31 polo recinto histórico, entre as 20 e as 21:30, e a Canella do Hospital acollerá un túnel do terror para público familiar o venres 30 e o sábado 31 entre as 10 e as 21 horas.
A área de Cultura organiza tamén un concurso de disfraces e de Escaparates, cuxas bases se poden consultar na web do Concello.