Maite Ferreiro presenta con integrantes da galería de arte Solaina o ciclo de performances artísticas MEXER
O MIHL acollerá un total de 6 performances artísticas o 20 e o 21 de agosto
Ferreiro: “achegamos ao MIHL unha proposta artística e cultural novidosa, dentro dun xénero que está a ter unha gran acollida por parte de moitas artistas galegas”
Lugo, 04 de agosto de 2022. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou xunto con integrantes da galería de arte Solaina o ciclo de arte vivo MEXER, que achegará ao MIHL 6 performances artísticas durante o 20 e o 21 de agosto. A edil de Cultura explicou que “a performance é un xénero dentro da cultura que está a ter unha gran acollida por parte de moitas artistas galegas, e actualmente está a ter un papel importante e fundamental na arte de vangarda”.
O ciclo de performances MEXER está organizado pola galería de arte Solaina, e conta coa colaboración da área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo. A entrada ás distintas performances será libre ata completar a cabida de cada unha das ubicacións.
Durante a fin de semana do 20 e 21 de agosto, 6 artistas desenvolverán a súa proposta nos distintos espazos do MIHL. Contarase coa participación de María Roja, Noel Quintela, Airezzz, Akacie, Sofía Fernández e Alberto Villasagra Chex. “Achegamos deste xeito unha proposta artística e cultural novidosa que ten un bo encaixe nun espazo tan singular como o MIHL”, declarou Maite Ferreiro.