Maite Ferreiro reúnese co artista Caxigueiro, que realizará un conxulto escultórico sobre Darío Xohán Cabana
Maite Ferreiro: “traballamos da man coa familia de Darío para que Lugo lle de a homenaxe que merece”
A obra de Caxigueiro contará cunha serie de versos de Darío Xohán Cabana escollidos pola familia
Lugo, 09 de novembro de 2022. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, mantivo unha xuntanza co escultor Caxigueiro, de cara a comezar a traballar na homenaxe que o Concello de Lugo realizará a Darío Xohán Cabana. Caxigueiro realizará un conxunto escultórico sobre o poeta, que se ubicará na zona inferior da praza da Mosqueira.
O conxunto escultórico de Caxigueiro complementarase cunha serie de versos de Darío Xohán Cabana, escollidos pola familia “para que toda a veciñanza de Lugo poida lembrar a un dos seus veciños máis destacados”.
A área de Cultura organiza esta homenaxe en colaboración coa familia do artista, para lembrar “a unha das persoas máis relevantes na defensa da lingua e da cultura galegas”, explicou Maite Ferreiro.
Caxigueiro
O escultor e ceramista Daniel Río, coñecido como Caxigueiro, comeza a súa carreira na fábrica de Sargadelos. A súa primeira exposición data do 1980, mais foi nos anos 90 cando destacou como un dos artistas máis relevantes da arte contemporánea galega.
A obra de Caxigueiro reflexiona sobre cuestións que condicionan o desenvolvemento vital, tanto individual coma colectivo. Dende 1990 interésase pola instalación, aínda que a miúdo tamén se expresa a través doutras disciplinas (escultura, fotografía, poesía, etc). A mestura de diferentes linguaxes, o interese por narrar, a importante presenza da cerámica, xunto a unha actitude crítica e claramente periférica, serven de ponto de partida para achegarse a un persoal xeito de entender a Arte.