RUBÉN ARROXO: "TRÁTASE NON SÓ DO MELLOR MES DE OUTUBRO DESDE QUE SE GARDAN REXISTROS, SENÓN QUE É O MAIOR DATO DE USUARIOS REXISTRADO NUN SÓ MES"
Novo record de usuarios no bus urbano con 220.870 billetes expedidos en outubro
Rubén Arroxo: "Trátase non só do mellor mes de outubro desde que se gardan rexistros, senón que é o maior dato de usuarios rexistrado nun só mes"
O Tenente Alcalde e responsábel de Mobilidade afirmou que "as veciñas e veciños de Lugo están a usar máis que nunca o transporte público, un cambio de tendencia que vai da man cos cambios na mobilidade que transformaron a cidade nos últimos anos"
Lugo, 05 de novembro de 2024. Rubén Arroxo, Tenente Alcalde e responsábel da área de Mobilidade, anunciou que o mes de outubro de 2024 foi o mes con maior número de usuarios no bus urbano "non só contando os datos históricos do mes de outubro, senon tendo en conta todo o ano". A marca de 220.870 billetes expedidos supera a marca de outubro de 2019, o antigo maior dato histórico de usuarios en máis de 1.000 billetes, e a marca de outubro de 2023 en 28.958 billetes.
Rubén Arroxo afirmou que "a tendencia continúa a ser superar os rexistros mes a mes, o que demostra que a reformulación das liñas de transporte urbano está a facer que máis persoas aposten por deixar o coche na casa e desprazarse por Lugo utilizando o transporte público, un cambio de tendencia que van da man cos cambios de mobilidade cos que transformamos a cidade desde a nosa chegada ao goberno".
Segundo explicou, "neste momento do ano levamos o maior número de viaxeiros da historia no acumulado de todo o ano, o que demostra que, de seguir esta tendencia, 2024 será o mellor ano no transporte público de Lugo". Arroxo explicou que "os transbordos representan só un 3% dos billetes expedidos, os datos amosan un verdadeiro aumento no número de persoas que cada día deciden usar o bus urbano".