Olalla Rodil “téñense que impulsar medidas para fortalecer a Cultura”
A deputada do BNG mantivo unha xuntanza con membros do tecido cultural de Lugo para coñecer, de primeira man, as impresións actuais e o futuro do sector
Lugo, 19 de maio de 2020.- A deputada do BNG no Parlamento Galego, Olalla Rodil, mantivo unha xuntanza virtual con diferentes integrantes do tecido cultural de Lugo -dende asociacións e base cultural ata os sectores profesionais- ao que lles trasladaron as inquedanzas de como están a vivir esta situación e como prevén o futuro do sector.
O BNG trasladou o apoio ao tecido cultural e as propostas que a organización está a traballar, como por exemplo, unha nova reorientación do Xacobeo21, o impulso da CRTVG como un motor cultural ou a posta en marcha dun bono cultural, na que se brinde a toda a sociedade o acceso á cultura e axude a través do inventivo ao consumo deste sector.
Tamén, o impulso de medidas que axuden a paliar os efectos da crise sobre as persoas autónomas como as asociacións e empresas.
Olalla Rodil declarou “ É preciso reorientar e reformular os orzamentos da Xunta de Galiza que foron elaborados nun contexto totalmente diferente, que manteñen aínda un recorte de máis dun 47% en relación aos orzamentos de 2009 e que é necesario mobilizar todos os recursos económicos que sexan necesarios tamén do Xacobeo21 para apoiar e impulsar aos sectores culturais”
Neste sentido, tamén salientou a necesidade da importancia das organizacións da base cultural galega “hai que determinar medidas específicas para a base cultural do asociacionismo que é a que mantén viva a cultura popular e tradicional do noso país, só a música conta con máis de 25000 estudantes”