Participación organiza actividades infantís na praza de Abastos e no Mercado “para facilitar a conciliación durante as compras no nadal”
Cristina López: “organizamos actividades para que as nenas e nenos poidan divertirse e aprender mentres os pais e as nais realizan as compras na Praza e no Mercado”
As actividades terán lugar nas mañás do 4, 11 e 18 de decembro de 2021, e o 4 de xaneiro de 2022, entre as 11 e as 14 horas
Lugo, 03 de decembro de 2021. A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, anunciou unha serie de actividades infantís na Praza de Abastos e no Mercado Municipal “para que as nenas e nenos poidan divertirse e aprender mentres as nais e pais realizan as súas compras na Praza de Abastos e no Mercado Municipal”.
Desde a área de participación búscase “facilitar a conciliación familiar nas fins de semana, e facilitar que a veciñanza poida achegarse a coñecer os produtos de primeira calidade que se comercian na Praza e no Mercado”.
As distintas actividades terán lugar nas mañás do 4, 11, e 18 de decembro de 2021, e o 4 de xaneiro de 2022, en horario de 11 a 14 horas.
Organizaranse as seguintes actividades:
· 4 de decembro: obradoiro de modelaxe en arxila polimérica de secado ao aire
· 11 de decembro: obradoiro de cociña: “Galletas de Nadal”
· 18 de decembro: obradoiro de scrapbooking de Nadal
· 4 de xaneiro: obradoiro de cociña: “Roscón de Reis”
A concelleira de Participación afirmou que “estas actividades únense á campaña O noso mercado é un agasallo”, para promocionar a Praza e o Mercado, “e complementaranse con novas actividades para o período vacacional do nadal”.