A Praza de Abastos e o Mercado Municipal acenden este martes as luces de Nadal
Cristina López: "animamos á veciñanza a acudir a estas instalacións a realizar as súas compras no Nadal e durante todo o ano"
O acendido das luces terá lugar este martes, 23 de novembro, a partir das 18:30
O acendido contará coa animación musical da Foliada de Bosende e coa degustación de productos dos distintos postos da Praza
Lugo, 22 de novembro de 2021. A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, anunciou que mañá se realizará o acendido das luces de Nadal da Praza de Abastos e do Mercado Municipal. Cristina López afirmou que "co alumeado de Nadal queremos convidar á veciñanza de Lugo a que se achegue á Praza de Abastos e ao Mercado Municipal e que coñeza os produtos de primeira calidade que se venden nestas dúas instalacións históricas".
A edil de Participación destacou que "na Praza e no Mercado temos a posibilidade de adquirir produtos de primeira calidade, chegados directamente dos produtores, e desfrutar da atención personalizada das responsables de cada posto nun entorno privilexiado do centro da cidade".
Cristina López convidou a toda a veciñanza ao acendido das luces, que terá lugar mañá, martes 23 de novembro a partir das 18:30 horas. O acto contará coa animación musical da Foliada de Bosende. As veciñas e veciños que se acheguen ao acto poderán degustar productos dos distintos postos da Praza.
25 de novembro
A concelleira de Participación anunciou tamén que de cara ao 25 de novembro, día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres, a área de Participación decorará a Praza de Abastos con elementos que fagan referencia á eliminación da violencia contra as mulleres. Cristina López afirmou que "a violencia machista é unha verdadeira pandemia letal para milleiros de mulleres en todo o mundo", e engadiu "queremos que a veciñanza lembre que a violencia machista segue aí e precisa máis ca nunca de visibilización e concienciación".