Preto de 5000 persoas recibiron información nas oficinas de turismo municipais durante o San Froilán
Maite Ferreiro destacou “o éxito de manter o punto de información turística da praza Maior, que durante as festas atendeu a 2453 visitantes”
Durante as festas Lugo recibiu visitantes de todas as zonas do mundo, destacando o resto de cidades galegas e as visitantes procedentes do estado
Lugo, 18 de outubro de 2021. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, informou do número de persoas atendidas nos distintos puntos turísticos dependentes do Concello de Lugo durante o San Froilán. En total, a Oficina Municipal de Turismo da praza do Campo e o Punto de Información Turística da praza Maior atenderon a 3.290 persoas entre o 4 e o 12 de outubro. Maite Ferreiro destacou que “manter o punto de información ata o San Froilán na praza Maior permítenos chegar cada vez a máis turistas e darlles a mellor información para a súa estancia na cidade”.
O Vello Cárcere recibiu e deu información sobre a cidade a 1.555 visitantes durante os 8 días de San Froilán. Maite Ferreiro destacou que o Vello Cárcere é “un dos puntos máis visitados polas visitantes da cidade e no San Froilán contou con máis visitantes dado que foi onde se instalou a mostra Cultura e Tradición no Camiño de Traxandaina”. Ferreiro lembrou que “o Vello Cárcere continúa a ter limitado o número de visitantes debido ás restriccións derivadas da pandemia”.
Entre as persoas que se achegaron a Lugo durante as festas, destacaron os 1239 visitantes procedentes de Galiza, xunto cos 1106 do resto de zonas do estado. Ademais, neses días achegáronse 77 persoas procedentes do resto de países europeos e 31 do resto de zonas do mundo.
“Continuamos a posicionar a Lugo como o gran centro do turismo de Galiza”, explicou Maite Ferreiro, que engadiu “a campaña que puxemos en marcha desde a área de Turismo, destinada a por en valor o potencial turístico de Lugo e a nosa posición estratéxica do turismo de proximidade está a traer un gran éxito, o que se demostra co número de visitantes que se rexistraron nestes meses”.
Ferreiro lembrou que “os datos rexistrados no verán deste ano colocaron a Lugo en cifras moi próximas aos datos previos á pandemia, e seguiremos traballando para rematar o ano con esta boa tendencia no turismo”.