A primeira tradución ao galego de Poeta en Nova Iork estrearase en Lugo o 29 de xaneiro
Maite Ferreiro presentou a obra dirixida por Paloma Lugilde
A área de Cultura promove un pase matinal para centros de ensino de Lugo
Lugo, 20 de xaneiro de 2020. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, participou hoxe na presentación de Poeta en Nova Iork xunto coa directora Paloma Lugilde e Fran Núñez, director do Centro Dramático Galego. Á presentación acudiu tamén o elenco da obra, formado polas lucenses Sabela Eiriz e María Roja, xunto con Sergio Zearreta.
A área de Cultura promove un pase matinal para que “centros de ensino da cidade poidan achegarse ao teatro”, declarou Maite Ferreiro, que engadiu “Trataremos de dar continuidade a este tipo de iniciativas no resto de representacións artísticas para favorecer o acceso da mocidade á cultura”.
“É un orgullo que Poeta en Nova Iork se represente por primeira vez en Lugo”, indicou Maite Ferreiro, que agradeceu tamén a colaboración do Centro Dramático Galego neste proxecto e anunciou a colaboración do Concello con esta institución. A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, animou ás veciñas e veciños de Lugo a asistir “a unha mostra de teatro diferente ao que estamos a ver no teatro, máis intimista e cercana”.