Rubén Arroxo: “no 2022 seguiremos facendo unha cidade máis amable para as persoas”
O Tenente Alcalde presentou as partidas orzamentarias das áreas da Tenencia de Alcaldía
A área de mobilidade continuará coa continuación do plan de calmado de tráfico e mellora da seguridade peonil e viaria, para o que se adican 550.000€
Adícanse 400.000€ para diversas actuacións nas áreas industriais da cidade e 800.000€ para o arranxo de calzadas e beirarrúas
A área de Cultura adica 865.000€ “para manter unha actividade cultural de calidade durante todo o ano, apostando polo tecido cultural local”
Lugo, 10 de decembro de 2021. O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, presentou as partidas das cinco áreas dependentes da Tenencia de Alcaldía. Arroxo presentou uns orzamentos deseñados baixo a idea de "continuar a avanzar na mellora de Lugo, facendo unha cidade máis amable para as persoas". Rubén Arroxo destacou que "estes orzamentos van permitir xerar emprego en Lugo e estabilizar o emprego xa existente, ademais de continuar coa mellora da cidade executada polo goberno de Lugo estes anos".
No tocante á área de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo anunciou o investimento de 150.000€ para a mellora da seguridade peonil na rúa Gallego Tato. "integramos esta actuación dentro da mellora do plan de calmado de tráfico nos entornos escolares", explicou Rubén Arroxo, que engadiu "estudaremos a peonalización desta rúa no treito entre as rúas Lavandeira e Magnolia, gañando unha nova praza á entrada do colexio Luís Pimentel". Arroxo lembrou que “nestes anos executamos distintas accións de calmado de tráfico en todas as zonas escolares da cidade, entre outras medidas para garantir a seguridade das veciñas e veciños, como a senda peonil do colexio de ALbeiros”
Neste orzamento, a área de Mobilidade e Infraestruturas destina tamén 400.000€ para renovar a rúa Lamas de Prado. Rubén Arroxo explicou que “estudaremos a posible peonalización de Camiño Real entre Concepción Arenal e a Ronda, gañando un novo espazo para as persoas preto da muralla, nun treito que case non conta con tráfico rodado". Arroxo anunciou partidas que en total suman 410.000€ para as renovacións das rúas Xesús Bal y Gay (210.000€) e da praza de Alicante (200.000€).
O plan de renovación de alumeado público en zonas urbanas e periurbanas continuará tamén no 2022. Rubén Arroxo anunciou unha partida orzamentaria de 300.000€ renovar o alumeado e a pavimentación de Aquilino Iglesias Alvariño. Arroxo explicou que “esta actuación será un complemento á renovación de Lamas de Prado, que comezará en breves, para avanzar na mellora dun barrio que conta con máis de 15.000 habitantes”.
A área de Mobilidade e Infraestruturas proxecta, segundo indicou Rubén Arroxo, continuará coa renovación da rede de alumeado público nas rúas Hermanitas, Dinán e na praza de Bretaña, para o que reserva un orzamento de 270.000€. "Estes investimentos son rentables en pouco tempo xa que reducen amplamente o consumo eléctrico e reducen o impacto ambiental", explicou Arroxo.
Arroxo anunciou tamén que a área de Mobilidade e Infraestruturas contempla partidas orzamentarias de 400.000€ para realizar actuacións nas zonas industriais e 800.000€ para renovar pavimentacións de calzadas e beirarrúas.
No tocante á área de Participación, Rubén Arroxo destacou un investimento de 190.000€ no Cemiterio Municipal. “Entre as actuacións previstas, contémplase a renovación dos teitos dos nichos e diversas pavimentacións no recinto”, epxlicou Rubén Arroxo, que engadiu “tamén se creará un centro expositivo que contará cunha exposición permanente da historia do Cemiterio e do antigo cemiterio de Magoi”.
Na Praza de Abastos e no Mercado Municipal, a área de Participación destinará 100.000€ para realizar distintas melloras. Renovarase a climatización tanto da praza como do Mercado, "unha demanda que tanto os distintos vendedores e vendedoras como as persoas que compran na Praza de Abastos e no Mercado levan moito tempo realizando, e que será unha mellora moi importante para mellorar unha instalación tan importante para Lugo como é a Praza de Abastos e o Mercado Municipal", explicou o Tenente Alcalde. Ademais, adquirirase nova maquinaria para a limpeza e renovarase o mobiliario, co obxectivo de “seguir a potenciar unha instalación que está a ter un gran crecemento, especialmente por parte da xente nova, o que se pode ver os sábados coa campaña O noso mercado é un agasallo”, explicou Arroxo.
A área de Cultura destinará 865.000 euros para a programación cultural do 2022. Rubén Arroxo destacou que "desde a área de Cultura continuaremos a traballar co tecido cultural local, apostando polas creadoras e creadores de cultura de Lugo, ao mesmo tempo que traemos eventos de primeira calidade e recoñecidos a nivel galego, estatal e internacional", explicou Arroxo.
O San Froilán 2022 contará con 1.087.000€ de orzamento, “que permitirán facer unha nova edición da gran festa do outono galego con actividades de calidade”. Adicaranse ademais 137.000€ para a promoción turística da cidade, “avanzando no obxectivo de colocar a Lugo como referente turístico á hora de visitar Galiza, e continuando co traballo realizado nestes anos”.