Rubén Arroxo e Alexandre Penas reuníronse con Antonio Fernández, xestor de procesos da área sanitaria de Lugo
O Tenente Aclalde e o edil de Infraestruturas escoitaron as propostas para mellorar o sistema de citas na sanidade pública
Arroxo: “a sanidade pública ten que apostar pola igualdade no trato da veciñanza, valoramos positivamente estas propostas para mellorar un servizo público e universal”
Lugo, 13 de outubro de 2021. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, e o edil de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas mantiveron unha xuntanza con Antonio Fernández, xestor de procesos da área sanitaria de Lugo, que compartiu con ambos edís as súas propostas para mellorar o sistema Hermes, o sistema de derivación rápida entre os centros de saúde e o hospital.
O Tenente Alcalde afirmou que “valoramos positivamente as propostas de Antonio Fernández para mellorar a atención que se lle da ás veciñas e veciños na sanidade pública”, e engadiu “o servizo público de saúde ten que apostar pola igualdade no trato á veciñanza, o que permitirá mellorar cuestións importantes como as listas de agarda para recibir consultas ou tratamentos”.
Rubén Arroxo afirmou que o Goberno Galego debe “garantir a mellor atención sanitaria posible a toda a poboación galega”. O Tenente Alcalde explicou que “é preciso blindar a atención sanitaria con profesionais e recursos garantir que todas as persoas poidan asistir a unha consulta médica, rematando con discriminacións e desigualdades que se veñen dando desde hai tempo, e que se acentuaron coa pandemia”.