ARROXO: “ACTUALMENTE OS TRABALLOS ESTÁN A REALIZARSE A MAIOR VELOCIDADE DO PROXECTADO”
Rubén Arroxo e Alexandre Penas visitan os avances realizados na peonalización de Quiroga Ballesteros
A área de Mobilidade e a empresa traballan de maneira conxunta para tratar de axilizar ao máximo o ritmo de execución dos traballos
Lugo, 28 de setembro de 2020. O Tenente de Alcalde e concelleiro de Mobilidade, Rubén Arroxo, xunto co concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, visitaron, acompañados do xefe de servizo de municipal de Enxeñería e da dirección de obra, a rúa Quiroga Ballesteros onde comprobaron os avances realizados nos primeiros días de traballo na peonalización. Rubén Arroxo afirmou que “nos primeiros días, os traballos producíronse a unha velocidade maior do que tiñamos proxectado e agardamos continuar a levar o mellor ritmo posíbel”.
Na primeira fase, onde se está a traballar no treito entre Santo Domingo e Quiroga Ballesteros, tense avanzada a renovación de servizos. Rubén Arroxo afirmou que “unha parte da renovación do saneamento está avanzada, e cando conclúa continuarase coa renovación do resto de servizos”. As condicións climatolóxicas están a permitir o avance rápido dos traballos, e segundo indicaron os técnicos da empresa, non están a aparecer imprevistos de peso que poidan afectar ao ritmo de traballo.
A área de Mobilidade e Infraestruturas traballa de maneira conxunta coa empresa para, segundo Rubén Arroxo, “tratar de reducir ao máximo as molestias que este tipo de actuacións causan á veciñanza”. O proxecto inclúe a renovación do saneamento, as instalacións eléctricas e o alumeado público, ademais da renovación de rexistros e o mobiliario urbano para a nova rúa peonil.
“A veciñanza de Lugo contará cunha nova rúa peonil nunha das zonas máis importantes do centro da cidade”, afirmou Rubén Arroxo. Para o Tenente de Alcalde, “Lugo está avanzar de cara a unha cidade con menos tráfico e maior ordenación deste”. Segundo Ruben Arroxo, “seguiremos traballando para gañar espazos para os peóns e a aplicar distintas medidas para o calmado do tráfico”.