Rubén Arroxo: “desde o BNG contamos cun proxecto que demostra que hai outra forma de facer política”
O portavoz do BNG en Lugo valorou a mobilización do Día da Patria e as actividades do BNG polo 25 de xullo, e destacou “a implicación das galegas e galegos nun día histórico”
O BNG demanda confiar nas capacidades que da Galiza e aspirar a un maior autogoberno para poder desenvolver políticas propias en beneficio do conxunto do País e das clases populares
Lugo, 26 de xullo de 2021. O portavoz do BNG de Lugo, Rubén Arroxo, valorou a participar na manifestación do día da Patria Galega convocada onte polo BNG en Compostela. Arroxo destacou “a implicación das galegas e galegos nun Día da Patria histórico que reuniu a máis de 20.000 persoas”, e explicou que esta data celebra “un momento para as e os nacionalistas, e para o conxunto do pobo galego, por ser a data que as Irmandades da Fala escolleron para celebrar o feito de que a Galiza é unha nación: cunha lingua e cunha cultura propias”.
“Desde o BNG contamos cun proxecto que demostra que hai outra forma de facer política e hai outra Galiza posible, con confianza no noso e sabendo que non vai vir de fóra ningún remedio”, afirmou Rubén Arroxo, que engadiu “hoxe estamos ante o BNG máis sólido e forte preparado para gobernar Galiza e construír un País con futuro”
Rubén Arroxo explicou que é preciso confiar nas propias capacidades que ten o País e a aspirar a un maior autogoberno, con capacidade para defender os intereses da Galiza e mellorar a vida dos galegos e galegas. “Desde o BNG defendemos unha Galiza máis igualitaria, máis forte, próspera e libre, especialmente nun contexto de crise social e económica, no que precisamos avanzar para e gañarmos o futuro” afirmou o portavoz do BNG en Lugo.
O BNG reclamou este día da Patria unhas conexións dignas en ferrocarril para a zona de Lugo. "É preciso dotar Galiza de servizos ferroviarios dignos, con conexións interiores útiles pensadas para conectar ás galegas e galegos", afirmou Rubén Arroxo, que engadiu "a chegada do AVE a Galiza só supuxo que agora sexa máis rápido ir en tren de Lugo a Madrid que de Lugo a Compostela".
Entre as reclamacións do BNG para Lugo Contémplase a posta en marcha da variante de Parga sen dividir a vila, a conexión coa zona norte da provincia, e a creación dun novo treito entre Curtis e Ordes que permita a conexión directa por ferrocarril entre Lugo e Compostela.
"Lugo é a única cidade de Galiza que non ten conexión directa por tren coa capital do país, un agravio que se resolvería cunha obra de 27 quilómetros", afirmou o portavoz nacionalista.
O portavoz do BNG fixo fincapé na necesidade dunha tarifa eléctrica galega, que teña en conta a situación de Galiza como territorio productor, “garantindo o acceso a un producto básico e reducindo o prezo que estamos a pagar as galegas e galegos, un dos prezos máis altos de todo o estado”.
Desde o BNG deféndese a posta en marcha dunha tarifa eléctrica galega, ademais dun IVE super-reducido do 4% en lugar do 21% que se aplica agora ao consumo de electricidade, así como a supresión do imposto especial de electricidade. Medidas como a creación dunha empresa pública de enerxía que asuma as concesións hidroeléctricas a medida que vaian caducando, ou que a instalación de novos parques eólicos se vincule a proxectos industriais que xeren emprego son as propostas do BNG para poñer freo á suba do recibo da luz.