Rubén Arroxo convoca a Mesa de Transporte Público para o 7 de setembro

O Tenente Alcalde convoca a xuntanza dos grupos políticos “tal e como acordamos para revisar a implantación das novas liñas de bus urbano”

Arroxo: “as novas liñas foron aprobadas por todos os grupos, tendo en conta as aportacións achegadas durante o proceso”

Rubén Arroxo convoca a Mesa de Transporte Público para o 7 de setembro

Lugo, 30 de agosto de 2021. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, convocou unha nova xuntanza da Mesa de Transporte Público para o vindeiro martes 7 de setembro. Arroxo explicou que “convocamos novamente aos grupos municipais a unha xuntanza para avaliar o proceso de implantación das novas liñas de bus urbano, tal e como acordamos en anteriores ocasións”.

Rubén Arroxo lembrou que durante o proceso de elaboración das novas liñas de bus urbano “tivemos en conta centos de peticións veciñais achegadas ao concello por distintas vías, dentro do contrato xa asinado polo anterior goberno coa empresa concesionaria", e engadiu, "todo o proceso de elaboración das liñas contou co seguimento da corporación municipal a través da Mesa de Transporte Público, que se reuníu en múltiples ocasións para avaliar o traballo realizado”.

Arroxo lembrou que o proxecto de liñas de bus urbano “foi aprobado co apoio de todos os grupos da corporación municipal na Mesa de Transporte Público", e explicou que "co novo sistema de liñas optimízase ao máximo o quilometraxe contemplado no contrato co que contamos na actualidade”.

 
 
 
Rubén Arroxo convoca a Mesa de Transporte Público para o 7 de setembro