Rubén Arroxo e Cristina López reúnense co Presidente da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística

Na xuntanza tamén estivo presente o representante da asociación en Lugo, o xuíz Luís Villares

                                                        

Arroxo: “desde o goberno de Lugo recollemos a proposta desta asociación para promocionar o uso da lingua galega no Cemiterio Municipal”

Rubén Arroxo e Cristina López reúnense co Presidente da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística

Lugo, 21 de xaneiro de 2022. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo e a concelleira de Participación Cristina López reuníronse hoxe co presidente da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, Xosé González, e o seu representante en Lugo, Luís Villares. O Tenente Alcalde e a concelleira de Participación compartiron cos representantes da organización compartiron as distintas accións que o Goberno de Lugo está a estudar para promocionar a lingua galega no cemiterio.

“Desde o Goberno de Lugo recollemos a proposta desta asociación e estamos a estudar incorporar unha axuda a todas as persoas que desexen galeguizar as lápidas dos seus defuntos”, explicou Rubén Arroxo, que engadiu “buscamos traballar en colaboración coa asociación para levar adiante esta campaña, dado o éxito que xa tiveron co seu traballo no cemiterio de San Facundo, en Paradela, único que contén todas as súas lápidas en galego, e que están a comezar a executar en colaboración co Concello de Lalín”.

O Goberno de Lugo continúa a traballar na mellora do Cemiterio Municipal. De cara ao 2022, a área de Participación que dirixe a concelleira Cristina López, planifica a creación dun espazo expositivo que contará cunha exposición permanente da historia do Cemiterio e do antigo cemiterio de Magoi.

“Estamos tamén a traballar a posibilidade de habilitar un espazo no Cemiterio Municipal para que todas as veciñas e veciños de Lugo poidan deixar aos seus animais de compañía”, explicou o Tenente Alcalde, que engadiu “seguimos a planificar traballo para mellorar o Cemiterio Municipal, mellorando as instalacións seguindo as solicitudes que nos fan as veciñas e veciños, e avanzando de cara a contar cun cemiterio referencial a nivel internacional, un dos poucos de todo o estado xestionados de forma totalmente pública”.

Rubén Arroxo e Cristina López reúnense co Presidente da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística