Rubén Arroxo: “estamos a construír o Lugo do futuro entre todas e todos”
O Tenente Alcalde destacou que “as veciñas e veciños de Lugo adaptámonos en tempo récord aos cambios de mobilidade da cidade”
Arroxo agradeceu a todo o persoal implicado na reordenación do tráfico e nas novas liñas do bus “a súa profesionalidade e capacidade de traballo”
Lugo, 03 de xuño de 2021. O Tenente Alcalde e responsábel da área de Mobilidade, Rubén Arroxo, destacou a boa adaptación da veciñanza aos cambios de tráfico na contorna da Mosqueira. Arroxo declarou que “as veciñas e veciños de Lugo adaptámonos en tempo récord ao cambio máis grande que a mobilidade experimentou en Lugo nos últimos anos”.
“Esta semana demos un paso adiante para construír entre todas e todos o Lugo do futuro, unha cidade cunha mobilidade moito máis amable coas persoas e co medio ambiente e con menos vehículos nas rúas”, afirmou Rubén Arroxo.
O edil de Mobilidade agradeceu tamén o traballo realizado por todo o persoal que estivo implicado nas modificacións de tráfico e nos proxectos de peonalización da Mosqueira e de renovación das liñas de bus. Arroxo destacou “a profesionalidade e a capacidade de traballo” das traballadoras e traballadores municipais para levar adiante estes proxectos que deixarán pegada na cidade.
O primeiro día de funcionamento das novas liñas de transporte público aumentou o número de usuarios. A comparación entre o martes 25 de maio e o martes 1 de xuño mostra unha subida de máis de 1300 usuarios, pasando de 6335 o martes 25 a 7661 o pasado martes día 1. Os cambios de tráfico aplicados na contorna da Mosqueira permitiron crear preto dun cento de prazas de estacionamento a poucos minutos do centro.