Rubén Arroxo: “investimos máis de 2.450.000€ na mellora do alumeado aplicando a perspectiva de xénero”
Desde a área de Infraestruturas estase a renovar o alumeado “aplicando a perspectiva de xénero para incrementar a visibilidade polas noites”
“Continuaremos a mellorar o alumeado da cidade mellorando a seguridade das rúas”, afirmou Rubén Arroxo
Lugo, 04 de xaneiro de 2021. O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, informou que desde a área de Infraestruturas , desde a chegada ao goberno, se fixo un importante esforzo por renovar e mellorar o alumeado público en todas as zonas da cidade. En total, desde a área de Infraestruturas realizouse, no último ano e medio, un investimento de 2.450.000€ adicado á renovación do alumeado público da cidade.
“En todas as actuacións que realizamos temos en conta a perspectiva de xénero para incrementar e mellorar a visibilidade e a seguridade das rúas”, explicou Rubén Arroxo. Nas renovacións levadas a cabo, substituíronse elementos contaminantes utilizados na instalación antiga, como luminarias de vapor de mercurio, por luminarias LED de baixo consumo enerxético.
O Tenente de Alcalde lembrou que de cara ao orzamento de 2021, o plan de renovación de alumeado público en zonas urbanas e periurbanas conta cunha partida orzamentaria de 1.043.000€ que, segundo indicou Rubén Arroxo, servirán “para continuar mellorar a seguridade nas rúas, ao reducirse as zonas de sombra, ao mesmo tempo que reducimos o consumo enerxético e polo tanto o impacto ambiental e as emisións de CO2 á atmosfera”.