Rubén Arroxo e Maite Ferreiro visitan as instalacións de Raiolas, onde a área de Cultura vén de realizar un mural
Maite Ferreiro destacou a importancia de Raiolas “á hora de mellorar a calidade de vida das persoas con TEA”
O muralista local Rubén Paz, do colectivo TreceTrazos decorou o exterior das instalacións de Raiolas
Lugo, 27 de novembro de 2021. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, xunto coa concelleira de Cultura, Maite Ferreiro visitaron as instalacións da asociación Raiolas, onde a área de Cultura vén de realizar un novo mural á entrada do local da asociación na rúa Músico Falla. Maite Ferreiro afirmou que “desde a área de Cultura quixemos colaborar con Raiolas nunha acción simbólica para destacar a súa importancia á hora de mellorar a calidade de vida das persoas con TEA e TCS”.
Rubén Arroxo e Maite Ferreiro visitaron as instalacións de Raiolas xunto coa presidenta da Asociación, Inés Flores. A concelleira de Cultura afirmou que “desde as áreas da Tenencia de Alcaldía continuaremos a colaborar co tecido asociativo da cidade, especialmente con asociacións como Raiolas que realizan unha grande labor social na cidade”.
A área de Cultura contou co muralista local Rubén Paz, integrante do colectivo TreceTrazos para decorar os exteriores do local de Raiolas.
Raiolas
Raiolas é unha asociación sen ánimo de lucro declarada no ano 2011 de Utilidade Pública, formada polos pais e nais de persoas con autismo e outros trastornos do Espectro do Autismo (TEA) e Trastornos da Comunicación Social (TCS), que traballa na provincia de Lugo. O seu obxectivo é a realización de todas as actividades que melloren a calidade de vida das persoas con autismo ou TEA/TCS e que procuren a súa plena integración familiar e social