Rubén Arroxo presenta as novas liñas de bus urbano á vicerreitora do Campus de Lugo
Arroxo lembrou que “as novas liñas incrementan as frecuencias e as conexións do campus coa cidade cun dos prezos máis baixos do estado”
Montse Valcarcel destacou a conexión da escola universitaria de Enfermería coa USC e a mellora de conexions do campus co resto de zonas da cidade
Lugo, 18 de xuño de 2021. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, presentou esta mañá as novas liñas de transporte urbano á vicerreitora de coordinación do campus de Lugo, Montse Valcárcel. Arroxo destacou a mellora de conexións do campus de 4 autobuses no modelo antigo a 8. Arroxo explicou que “a maioría de queixas co antigo modelo de transporte estaban relacionadas co tempo de espera entre buses, que chegaba a ser dunha hora”, e afirmou que “coas novas liñas sae un bus do campus aproximadamente cada cuarto de hora, o que soluciona ese problema da comunidade universitaria”.
Rubén Arroxo e Montse Valcárcel coincidiron ao destacar a conexión directa do HULA coa Escola Universitaria de Enfermería, o que permitirá, segundo afirmou Rubén Arroxo, “que as estudantes poidan desprazarse en bus urbano entre a facultade e o hospital para realizar prácticas”. A vicerreitora destacou tamén a mellora de conexións co resto de zonas da cidade.
Rubén Arroxo animou ás integrantes da comunidade universitaria a obter a tarxeta cidadá para aforrar na viaxe en bus. Arroxo lembrou que no caso das estudantes, o prezo do transporte urbano está bonificado, custando só 31 céntimos o bono ordinario e só 19 o transbordo.