ARROXO, AFIRMOU QUE NINGUNHA SANCIÓN IMPEDIRÁ QUE O BNG CONTINÚE TRABALLANDO PARA “QUE LUGO TEÑA A MERECIDA ZONA PÚBLICA DE BAÑO”
Rubén Arroxo recorre a sanción imposta pola Confederación Hidrográfica
Os servizos xurídicos do BNG lembran que hai sentencias do Tribunal Supremo que din que estes actos “forman parte da liberdade de expresión”
Lugo, 19 de outubro 2018. Rubén Arroxo presentou as correspondentes alegacións contra a sanción imposta pola Confederación Hidrográfica. Arroxo foi sancionado pola colocación dun cartel de pequenas dimensións nas inmediacións do río Miño na zona das Saamasas para reivindicar unha zona pública de baño para Lugo. O voceiro do BNG no concello de Lugo afirmou que ningunha sanción impedirá que o BNG continúe traballando para “que Lugo teña a merecida zona pública de baño”. As alegacións foron formuladas polo servizos xurídicos do BNG e registradas hoxe mesmo na sede da Confederación Hidrográfica de Lugo.
Os servizos xurídicos do BNG lembran que hai sentencias do Tribunal Supremo que din que estes actos “forman parte da liberdade de expresión”. No recurso presentado sinalase que ....non se pode empregar unha lexislación sectorial que está prevista para outras finalidades para limitar oou condicionar o exercicio dun dereito fundamental empregando mesmo a capacidade coercitiva normativa.... No mesmo recurso engádese que son numerosas as sentencias que, neste senso, rexeitan a posibilidade de sancionar, consonte a unha determinada lexislación sectorial, feitos que están acollidos a un dereito fundamental.
A sanción foi imposta a Rubén Arroxo, dende a Confederación Hidrográfica, por colocar un cartel na zona das Saamasas reivindicando unha zona pública de baño. Arroxo foi sancionado cunha multa por importe de 90,42 € despois de que “o lider dun partido político local minoritario da dereita” presentara unha denuncia ante Confederación Hidrográfica. O voceiro do BNG xa presentara un recursos ante a sanción imposta e agora voltará a recurrir esta sanción por considerala inxusta. “Unha multa de 90 € no vai impedir que o BNG continúe reclamando unha zona pública de baño para Lugo” afirmou Rubén Arroxo.
Naquel momento o BNG-AA instalou un “letreiro de obra” nas Saamasas no lugar onde se tramitaran os permisos pertinentes da Confederación Hidrográfica Miño Sil e da Consellería de Medio Ambiente para a creación dunha zona pública de baño. Neste letreiro apuntábase información sobre o acceso ao río anunciando que o prazo de execución de obra será en canto a Deputación de Lugo o permita. O concelleiro nacionalista criticaba que o PSOE estivera tan empeñado en evitar que a veciñanza de Lugo teña unha zona pública no río onde bañarse, e que despois de 8 anos sen facer nada, e cunha proposta do BNG aprobada en pleno, agora siga boicoteando unha proposta do propio grupo nacionalista. O voceiro do BNG lembrou que o goberno provincial do PSOE non atendera as demandas do grupo que representa “o presidente da Deputación nin tan se queira aceptou recibirnos para falar do tema, tal e como lle pedimos”