Rubén Arroxo visita, co presidente da Asociación Barrio de Paradai, as obras de mellora na zona
Segundo Arroxo “estamos traballando nos barrios da man da xente que os coñece e atendendo as peticións veciñais na medida do posible”
Alexandre Penas, como responsable da Área de Infraestruturas, explicou as intervencións que se basean fundamentalmente e arranxo de rúas e beirarrúas
Lugo, 6 de marzo de 2021. O Tenente de Alcalde e concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, visitou o barrio de Paradai acompañado do presidente da Asociación Barrio de Paradai, Christian Fernández Díaz. Na visita puideron comprobar os avances feitos da man da concellería de Infraestruturas “fíxose unha intervención importante neste barrio de cara a mellorar a mobilidade das persoas en zonas que se atopaban abandonadas, dende hai tempo, e que se recuperaron coa construción de novas beirarrúas” sinalou Arroxo.
Nas obras feitas tívose unha especial atención coa accesibilidade “sabemos que esta zona precisa de melloras para que as persoas maiores e con dificultade de movemento poidan transitar libremente. Entendemos que todas as accións que se fagan, en calquera zona, deben ter en conta as medidas para que a accesibilidade sexa óptima” dixo o Tenente de Alcalde que visitou a zona acompañando do responsable da área de Infraestruturas Alexandre Penas.
Alexandre Penas, como responsable da Área de Infraestruturas, explicou as intervencións que se basean fundamentalmente e arranxo de rúas e beirarrúas “fixemos un investimento importante e seguiremos, na medida en que se poida, acometendo intervencións que nos solicitan dende a Asociación Barrio de Paradai”. A intervención enmarcase na serie de investimentos que, dende a Área de Infraestruturas, se están a facer nos diferentes barrios da cidade. Penas concretou que se fixeron 6 pasos de peóns elevados, deuse solución no cruce da rúa Río Sil coa rúa Conde; amañáronse varias beirarrúas e colocáronse barandas en 2 zonas do barrio.