Rubén Arroxo visita co Presidente da Real Academia Galega as palabras do ano, instaladas na Rúa Menorca
As palabras do ano escóllense anualmente no Portal das Palabras, posto en marcha pola RAG e a Fundación Barrié
Rubén Arroxo: "puxemos en marcha esta iniciativa para poñer en valor a lingua galega e para visibilizar esta iniciativa anual do Portal das Palabras"
Lugo, 31 de maio de 2021 O Alcalde en funcións e concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, xunto con Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua e o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, visitaron a rúa Menorca onde se veñen de instalar as distintas palabras do ano escollidas desde o 2014 ao 2020. A rúa Menorca foi o lugar escollido por tratarse dunha rúa peonil e moi transitada.
Rubén Arroxo afirmou que "con esta iniciativa queremos seguir coa mellora da imaxe da cidade ao mesmo tempo que poñemos en valor un símbolo tan importante como a lingua galega". "Seguiremos colocando, cada ano, a palabra que a Real Academia designe como palabra galega máis utilizada" dixo Rubén Arroxo que engaidiu "o futuro da nosa lingua está vivo e as palabras de cada ano pasan a formar parte do idioma xa que sintetizan parte da realidade de cada época".
A Palabra do Ano é escollida no Portal das Palabras cada ano. En 2012, a RAG e a Fundación Barrié, asinaron un convenio de colaboración en materia de lexicografía. Modernizar os sistemas de investigación, acometer novos traballos, elaborar aplicacións e promover o Portal das Palabras. Froito do anterior, elíxese a palabra do ano e conta con outras ferramentas como o Dicionario electrónico e a versión para móbiles e tablets.
Para a colocación das palabras utilizouse un material duradeiro e que permitirá unha boa e sinxela visibilidade do texto. Vai acompañando a cada verba o ano no que foi nomeada pola Real Academia, no Portal das Palabras, como palabra do ano.
Palabra do Ano
A escolla da Palabra do Ano comezou no ano 2014, a través do Portal das Palabras posto en marcha pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié. A elección é realizada, cada ano, atendendo ao Portal das Palabras, a páxina web para a divulgación do léxico galego da Real Academia Galega e a Fundación Barrié. As seis palabras do ano escollidas até o de agora son: corrupción (2014), refuxiados (2015) , irmandade (2016) , afouteza (2017) , deseucaliptización (2018) , sentidiño (2019) e Nós (2021) . A última das palabras gañadoras, Nós, fai referencia a toda unha xeración e Castelao titulou, con acerto, os debuxos deste proxecto co pronome tónico da primeira persoa do plural porque as tres letras que o conforman abondan para retratármonos como pobo, como cultura.