Varias actividades dinamizarán a Praza de Abastos e o Mercado Municipal durante o Nadal
A Zona de Lecer da Praza de Abastos abrirá durante as festas “e permitirán ás nais e pais realizar as compras no casco histórico mentres as nenas e nenos desfrutan deste espazo”
O Apalpador parará o día 27 pola tarde na Praza de Abastos
Lugo, 16 de decembro de 2019. A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, anunciou no día de hoxe as actividades que durante o Nadal terán lugar na Praza de Abastos e no Mercado Municipal“que contribuirán a dinamizar o centro da cidade e a aumentar os servizos da Praza e do Mercado”, segundo indicou Cristina López.
Cristina López anunciou que a Zona de Lecer infantil da Praza de Abastos volverá abrir durante as festas, de luns a sábado entre as 10:30 e as 13:30 horas. A zona está orientada a nenos e nenas de entre 2 e 14 anos, e terá unha limitación de 10 persoas. As inscricións realizaranse de xeito presencial na zona de lecer, asinando a autorización que entregarán os monitores. Ademais, durante a tarde do día 27 o Apalpador recibirá ás nenas e nenos que o desexen na Praza de Abastos.
“Moitas nenas e nenos poderían desfrutar deste espazo infantil mentres os pais e nais fan as compras no casco histórico”, indicou Cristina López, e engadiu, “durante as festas hai actividade económica e permitirase a mellor conciliación da vida familiar coas compras e incluso co traballo dalgunhas persoas que traballan no centro e non teñen onde deixar ás crianzas durante a xornada laboral”.
As actividades comezarán xa o vindeiro xoves, cando a concellería de Benestar celebra o día dos Maiores no soto da Praza de Abastos contará cun Xantar de Nadal ás 14 horas e a partir das 16 horas, a actuación de varios grupos musicais, incluíndo ao grupo de pandereteiras da Escola Municipal de Música e a actuación humorística de Lois Pérez.
A partir do 23 de decembro, o Soto da Praza de Abastos contará con xogos tradicionais para nenas e nenos, organizados pola concellería de Xuventude, en horario de 17:00 a 19:00 de luns a venres, e de 11:00 a 13:00 os sábados. Cada día haberá 30 prazas, e será preciso anotarse no 010.