"A veciñanza do Sagrado Corazón poderá desfrutar en poucas semanas dunha praza totalmente renovada" dixo Rubén Arroxo
O Tenente Alcalde visitou a praza xunto co edil de Infraestruturas, Alexandre Penas e a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro
O Goberno de Lugo inviste 86.020€ para avanzar na mellora dos barrios posta en marcha pola Tenencia de Alcaldía
Lugo, 13 de xaneiro de 2021. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, o edil de Infraestruturas, Alexandre Penas, e a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, visitaron a obra de humanización da praza do Sagrado Corazón. “Nas vindeiras semanas a veciñanza da zona poderá desfrutar dunha praza totalmente renovada e humanizada, que dará continuidade ao traballo realizado tras a instalación do novo ascensor”, detallou o Tenente Alcalde que se reuniu con responsables da obra durante a súa visita.
Esta obra está a ser executada pola área de Mobilidade e Infraestruturas urbanas para garantir as boas condicións dos servizos públicos e mellorar a calidade de vida e o benestar da veciñanza da contorna. Arroxo explicou as melloras que se están a realizar na zona, consistentes na renovación do firme da praza e da súa iluminación, “o que converterá este lugar nun espazo máis aberto e amable coas persoas e comunicará a praza co ascensor recentemente inaugurado".
Coa renovación do alumeado público avanzarase na implantación de luminarias LED, que contan con consumos inferiores ás luminarias instaladas actualmente, e terán unha tonalidade máis agradable que a actual.
A actuación conta cun orzamento de 86.020€. A área de Infraestruturas da Tenencia de Alcaldía planifica traballos nos distintos barrios “para garantir que toda a veciñanza, independentemente do lugar no que viva teña as atencións precisas por parte do Concello”.