O Vello Cárcere acolle a mostra Zortzi, do escultor vasco Joseba Gotzon
A mostra conta con 16 pezas realizadas en ferro coas que o autor quere visibilizar ao Ochote desde unha perspectiva artística
A mostra poderá visitarse na primeira planta de celas de mulleres ata o 1 de maio
Lugo, 03 de marzo de 2022. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro participou na inauguración da exposición Zortzi, do cantante e escritor Joseba Gotzon. Maite Ferreiro destacou a calidade artística deste autor, “que utiliza o ferro para dar visibilidade ao ochote, reutilizando o material promocional do Festival Internacional de Ochotes de Portugalete”, afirmou a concelleira de Cultura..
Zortzi poderá visitarse na primeira planta de celas de mulleres do Vello Cárcere ata o 1 de maio. A colección ZORTZI xorde da reciclaxe das pezas de ferro que se utilizaron no festival. Partindo da forma do medio rombo das cuñas e unindo catro delas créase a silueta recta do número 8 relacionada co barbarismo de ochote ou otxote. Partindo diso, o autor toma como base esta figura e deseña diferentes esculturas relacionadas co tipo de formación e as características da voz. Todas as esculturas son únicas e están realizadas exclusivamente en ferro.
A colección TUBO foi creada a partir do concepto do tubo que emite os sons dun órgano como sucede coa voz humana. Estas pezas humanizan ao ochote coa bóla de ferro a modo de cabeza e están baseadas en datas históricas: «Bilbao 1930» (primeiro concurso), «Portugalete 1932» (oficialidade), «Éibar 1936» (8 + director) e « Maitasun 1964» (primeiro ochote feminino).
Desde que comezou a súa andaina de exposicións, esta mostra visitou numerosos espazos expositivos do País Vasco, así como Vic (Barcelona), A Foresta (Lleida), Laredo, Santona ou Colindres (Cantabria), Medina de Pomar (Burgos) ou o Ateneo de Málaga. Tras a estancia no Vello Cárcere, trasladarase a Aguias (Murcia), Calp (Alacante), Santander, Xixón ou o aeroporto de Lanzarote
Joseba Gotzon nace en Portugalete en 1962. É un dos autores vascos máis prolíferos con 18 discos publicados, máis de 250 cancións rexistradas, e realizou xiras internacionais por España, Portugal, Croacia, Xeorxia, Arxentina, Chile, Uruguai, Brasil, Paraguai, Venezuela, Cuba ou México.