A Xunta de Goberno aprobará mañá a ampliación de beirarrúas na ronda da República Arxentina
Rubén Arroxo: “trátase dunha actuación necesaria para favorecer a accesibilidade e mellorar os servizos públicos dunha da cidade”
A actuación sae a licitación cun máximo de 84.609,21€ e un prazo de realización dun mes
Lugo, 01 de decembro de 2020. O Tenente de Alcalde e concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, anunciou que a Xunta de Goberno aprobará mañá o inicio do procedemento de contratación para ampliar as beirarrúas da rolda da República Arxentina. En concreto, a área de Mobilidade e Infraestruturas actuará no treito de República Arxentina que discorre entre Pintor Corredoira e a rúa Santiago, que presenta actualmente bastantes deficiencias e unha anchura insuficiente para o correcto tránsito de peóns. Rubén Arroxo afirmou que “con esta intervención pretendemos mellorar as deficiencias desta beirarrúa, adaptándoa ás normativas actuais sobre accesibilidade”.
A actuación sae cun orzamento base de licitación de 84.609,21€ ive incluído, e un prazo de execución dun mes. Os traballos inclúen a renovación do pavimento actual con baldosas de formigón, aumentando o ancho da beirarrúa. Ademais, renovarase a rede de sumidoiros da zona e desprazarase a instalación de alumeado público até a nova marxe.
Rubén Arroxo afirmou que “esta intervención é necesaria para favorecer a accesibilidade das veciñas e veciños de Lugo, ao mesmo tempo que se melloran as instalacións de servizos públicos”.