fontin
Novas
IMG_1396

O BNG preguntará na comisión de infraestruturas se se estudou algo para a mellora do tráfico en Fontiñas

Aínda non sabemos nada da rotonda na confluencia de San Eufrasio con Fontiñas

 

Lugo, 08 de agosto 2017. O BNG preguntará polas xestión do goberno municipal en relación á toma de medidas para mellorar o tráfico na zona de Fontiñas. O portavoz do BNG, Rubén Arroxo lembrou que nos pasados meses de decembro e xaneiro a organización nacionalista tivo unha serie de xuntanzas coa veciñanza de Fontiñas co fin de preparar algunhas propostas para a mellora da mobilidade na avenida, propostas que o propio grupo municipal lle trasladou ao goberno municipal “tras recibir as propostas do BNG, o goberno municipal anunciou o pasado mes de febreiro que se ían iniciar os trámites para ver a posibilidade de aplicar medidas como a creación dun novo carril e deseñar novos aparcadoiros” e engadiu “dende aquel anuncio nada se volveu saber do tema”. “Neste momento non se tomou ningunha medida efectiva como a tan demandada de crear unha rotonda na confluencia con San Eufrasio” un punto este último que conta cun importante número de colisións e que o concelleiro do BNG responsabiliza á Xunta e Concello de non ser quen de poñerse de acordo para executala.

 

Rubén Arroxo lembrou “o 17 de febreiro o goberno pediulle ao gabinete de tráfico un informe sobre a posibilidade de crear un novo carril e deseñar novos aparcadoiros”. O BNG propuxo unha serie de medidas para mellorar a circulación na zona de Fontiñas. Rubén Arroxo dixo que “temos un plan para a zona e aínda que as medidas que presentamos agora non son a solución definitiva si que van a contribuír a mellorar a fluidez do tráfico”. Entre as propostas do BNG están a de dispoñer de dous carrís, cando menos dende Montero Ríos ata o cruce co carril dos Indios, considerando que o ideal sería chegar ata o carril do Xuízo, e recuperando esas prazas de aparcadoiro nalgúns dos solares abandonados da contorna que son públicos e outros chegando a acordos cos propietarios. Arroxo explicou que a creación de dous carrís en cada sentido de circulación nestes tramos suporía a eliminación dunhas 40 prazas de estacionamento, pero aplicando esta medida xunto coa creación de tres aparcadoiros disuasorios na zona, crearíanse unhas 200 novas prazas.

 

Cambiar o sistema de xiro nos cambios de sentido para dar axilidade á circulación é unha das propostas do BNG. Este sistema de xiro, coñecido como “xiro á Indonesia”, xa se aplica en moitas avenidas de diversas cidades e permite que os vehículos afronten o cambio de sentido da marcha sen agardar polos vehículos que fan o cambio de sentido contrario. Arroxo sinalou que este novo sistema de cambio de sentido da circulación podería aplicarse naqueles puntos nos que non existe intersección de viais e sería factible facelo en catro lugares, sendo especialmente útil para darlle fluidez xunto a Praza do Camiño Primitivo e en fronte da escalinata de Paxariños.

 

Ler novas