Rubén Arroxo: "a Xunta conta con terreos na contorna das termas onde se podería construír vivenda pública"

¡
¡

O candidato do BNG criticou que a Xunta de Galiza "non modificase aínda o procedemento de licitación de vivenda no barrio do Castiñeiro"

 

Arroxo lembrou que cando o BNG tivo responsabilidade en vivenda "o goberno galego realizou importantes investimentos no barrio do Castiñeiro", onde se descartou construír máis vivenda pública

 

"A proposta do Goberno do Estado non é útil para Lugo, na cidade non se mobiliza vivenda da SAREB", afirmou Arroxo

Rubén Arroxo: "a Xunta conta con terreos na contorna das termas onde se podería construír vivenda pública"

Lugo, 22 de abril de 2023. O candidato do BNG á alcaldía de Lugo, Rubén Arroxo, lembrou á Xunta de Galiza que conta con terreos na contorna das Termas para levar adiante a construcción de vivenda pública. Arroxo criticou que, malia os distintos anuncios por parte do Partido Popular, "o proceso de licitación das vivendas do Castiñeiro aínda está publicado na plataforma de contratación da Xunta como pendente de adxudicar, polo que o goberno galego podería seguir adiante con este proxecto".


Arroxo defendeu que a contorna das Termas "é totalmente viable para a construcción de vivenda pública", e engadiu "trátase dunha zona que xa conta con servizos e dotacións, e permitiría avanzar no obxectivo de repartir a vivenda social por toda a cidade, e non concentrala nun único barrio".

Arroxo afirmou que "desde o BNG estamos a favor de que a Xunta de Galiza constrúa vivenda pública, mais o barrio do Castiñeiro é actualmente a zona de Lugo con máis densidade de poboación".

Segundo o candidato do BNG, "a proposta continúa co traballo aplicado polo BNG cando tivo a responsabilidade da Consellería de Vivenda, no período 2005-09, cando se decidiu que este barrio xa estaba saturado de vivenda, tanto pública como privada, e que o que se precisaban eran dotacións e espazos verdes".

Vivendas da SAREB

Rubén Arroxo afirmou que o plan anunciado polo goberno do estado, reconvertendo en vivenda pública as propiedades da SAREB "non será útil para Lugo". Segundo os datos da propia SAREB, só hai 7 vivendas no concello de Lugo xestionadas pola sociedade, "un dato ínfimo se temos en conta a gran necesidade de vivenda pública, con máis de 1.000 persoas agardando por un lugar no que vivir".
Rubén Arroxo: "a Xunta conta con terreos na contorna das termas onde se podería construír vivenda pública"