EMIGRANTES RETORNADOS VENSE OBRIGADOS A PAGAR EN 10 DÍAS IMPOSTOS CORRESPONDENTES A 5 ANOS

EMIGRANTES RETORNADOS VENSE OBRIGADOS A PAGAR EN 10 DÍAS IMPOSTOS CORRESPONDENTES A 5 ANOS

Os nacionalistas piden “xustiza” e o “dereito a pensións dignas” para as persoas que no seu momento tiveron que emigrar e puideron voltar a Galiza

Máis de medio cento de persoas afectadas déronse cita, nesta primeira asemblea, para atallar esta inxustiza recadadora planificada polo PP dende o Ministerio de Facenda

Lugo, 29 de agosto de 2013. O BNG organizou unha asemblea informativa para todas aquelas persoas afectadas e interesadas polos requirimentos que se están enviando dende a Axencia Tributaria Española a quenes estiveron emigrados e emigradas e que perciben pensións dende outros países. Interviron os parlamentarios do BNG Tareixa Paz e Cosme Pombo e Xosé Lois Leirós,  como representante da plataforma de afectados do Salnés.

Todos os emigrantes que reciben pensións de dous estados e que teñen uns ingresos superiores a 11.200 € anuais están recibindo requirimentos polos ingresos recibidos dende o ano 2.008. Os pensionistas que somentes cobran pensións do estado español non están obrigados a tributar se os seus ingresos non superan os 22.000 € anuais. Este mecanismo recadatorio foi posto en marcha polo Ministerio de Facenda a principios deste ano 2.013.

Milleiros de emigrantes galegos retornados, con pensións do estranxeiro, están a recibir estes requirimentos da Axencia Tributaria Española con comunicación de posíbeis sancións. O afán recadatorio da facenda española fixo que no primeiro mes, dende que empezaron a enviar estes requirementos, xa recaudaran máis de 3 millóns de euros entre os emigrantes galegos. Xosé Lois Leirós asegurou que é inadmisible que “en pleno século XXI é inadmisible que persigan aos que tivemos que emigrar, aportar divisas e vivir do noso traballo mentres aos auténticos defraudadores fiscais concédeselles a amnistía dende o Goberno español”.

O BNG organizou esta asemblea informativa xa que as afectadas e afectados descoñecían estas obrigas tributarias. Para os nacionalistas “esta decisión é inxusta e o feito de impoñer sancións é inmoral por que afecta a un colectivo que percibe pensións baixas despois de traballar toda unha vida”. Agora a Facenda do estado español obriga aos afectados e afectadas a facer unha declaración dos ingresos percibidos dende o ano 2008 e pagar a totalidade resultante nun prazo de 10 días.

O BNG presentou iniciativas no Parlamento Galego pedindo que se revogen os expedentes de cobro xa iniciados así como a anulación dos expedentes sancionadores. Outra das demandas dos nacionalistas van contra o cobro abusivo de intereses de demora por parte da Axencia Tributaria Española. O BNG solicitará, do Goberno español, unha modificación da Lei para garantir a igualdade de trato para os emigrantes retornados.

EMIGRANTES RETORNADOS VENSE OBRIGADOS A PAGAR EN 10 DÍAS IMPOSTOS CORRESPONDENTES A 5 ANOS