Abre ao tráfico o novo cruce entre a rúa Santiago e a Ronda da Muralla
Arroxo: “desde hoxe queda funcionando definitivamente o novo ordenamento do tráfico neste treito, que aumentou a fluidez e reduciu as longas colas que se producían no pasado”
“As veciñas e veciños de Lugo contamos xa cunha nova zona de paseo arredor da Muralla e coa estética renovada do punto da cidade onde conflúen tres patrimonios da humanidade”, afirmou Rubén Arroxo
Lugo, 12 de novembro de 2021. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, anunciou a reapertura ao tráfico da unión da Ronda da Muralla coa rúa Santiago, unha vez rematada a construcción das novas isletas que derivarán o tráfico nos distintos percorridos. Rubén Arroxo afirmou que “recuperamos totalmente a normalidade neste treito cunha nova ordenación do tráfico que xa está a demostrar unha maior fluidez nos distintos percorridos, reducindo as longas colas de vehículos que se vían aquí no pasado”.
Coa nova ordenación do tráfico rodado, os vehículos da Ronda teñen prioridade sobre os que soben pola rúa Santiago cara a Ronda, que se atopan cun Ceda o Paso. Isto únese á reordenación das rúas Cidade de Viveiro e Pascual Veiga, o que permite “contar con itinerarios máis rápidos para chegar desde este cruce ata Ramón Ferreiro en coche”, segundo afirmou Rubén Arroxo.
Arroxo, que destacou a importancia desta actuación para mellorar a protección da Muralla, reducindo as vibracións producidas polos vehículos a motor "cumprindo coas recomendacións do ICOMOS para garantir o mantemento da Muralla". O Tenente Alcalde afirmou que "estes traballos permitiron tamén renovar a estética da Ronda á altura da Porta de Santiago, un dos poucos puntos do mundo onde conflúen tres Patrimonios da Humanidade".