Rubén Arroxo e Alexandre Penas visitan a rúa Alcalde Xosé Novo Freire, onde se realizarán actuacións para o calmado do tráfico
O Tenente Alcalde e o edil de Infraestruturas visitaron a rúa con veciños da zona para escoitar as súas peticións
Alexandre Penas: “melloraremos a seguridade vial na zona e poñeremos especial énfase nos accesos á zona infantil recentemente habilitada polo Concello”
Lugo, 11 de novembro de 2021. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, xunto co edil de Infraestruturas, Alexandre Penas, visitaron a rúa Alcalde Xosé Novo Freire, onde nas vindeiras semanas se realizarán actuacións enmarcadas no plan de calmado do tráfico da cidade posto en marcha pola área de Mobilidade. “Avanzaremos na colocación de elementos de calmado de tráfico nesta zona, onde nos últimos meses se habilitou un novo parque infantil”, explicou Alexandre Penas.
Os edís visitaron a rúa xunto a veciños da zona para coñecer de primeira man as solicitudes da veciñanza e, segundo declarou o edil de Infraestruturas, “planificar mellor os traballos a realizar desde a concellería de Infraestruturas tendo en conta as reclamacións e as necesidades da veciñanza”.
O concelleiro afirmou que “desde a concellería de Infraestruturas estamos a estudar realizar máis actuacións nesta zona para continuar a avanzar na mellora da seguridade viaria no conxunto da cidade”. Segundo Alexandre Penas, “estamos a transformar a mobilidade en Lugo, planificando unha cidade cun cun tráfico calmado e menos vehículos a motor nas rúas na que as persoas sexan o centro”