Abre o prazo para solicitar instrumentos do Banco da Escola Municipal de Música

As familias con maiores necesidades económicas poderán optar a este servizo

As solicitudes poden presentarse nos vindeiros 10 días

Abre o prazo para solicitar instrumentos do Banco da Escola Municipal de Música

Lugo, 25 de outubro de 2021.  A Concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou o inicio do prazo para solicitar instrumentos musicais procedentes do Banco de Instrumentos da Escola Municipal de Música. "Trátase dun servizo para que as familias con maiores necesidades económicas, que non poden facer fronte á inversión que require un instrumento musical, poidan facilitar a iniciación das súas fillas e fillos á música", indicou Maite Ferreiro.

 

Tres trombóns, catro trompetas, dúas trompas, tres saxofóns altos, un fagot, dous bombardinos, unha tuba, unha gaita en do,  tres packs de percusión,  cinco clarinetes e un requinto forman parte do fondo inicial do banco, que segundo Maite Ferreiro "poderá ser ampliado no futuro, tanto mediante adquisición de instrumentos por parte do concello como con doazóns".

 

Sobre o material doado, Ferreiro indicou que "sempre que se ceda material para a Escola, converterase en material de préstamo a non ser que o estado ou o interese do instrumento o fagan máis apto para a súa exposición ou conservación".

 

As e os alumnos da escola que desexen solicitar instrumentos deberán estar empadroadas en Lugo. Os préstamos durarán como máximo un ano e cada estudante só poderá optar a un instrumento. Para a adxudicación dos instrumentos, terase en conta a situación económica de cada familia.

As solicitudes deberán presentarse preferentemente a través da sede electrónica do concello de Lugo ou a través do rexistro presencial solicitando cita previa no 010 (982 297 350) ou no rexistro de outras administracións

Abre o prazo para solicitar instrumentos do Banco da Escola Municipal de Música