Rubén Arroxo e Maite Ferreiro reciben a Lois Pérez, gañador do premio Agustín Fernández Paz de literatura infantil e xuvenil
Maite Ferreiro destacou “a calidade do traballo do lucense Lois Pérez” e lembrou que “desde a área de Cultura contamos en múltiples ocasións coas súas propostas”
Lugo, 25 de outubro de 2021. A Concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro e o Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, recibiron no concello ao mestre e escritor Lois Pérez, que vén de ser galardoado co premio Agustín Fernández Paz de literatura infantil e xuvenil coa súa obra A gruta da Torre. Maite Ferreiro destacou “a gran calidade do traballo de Lois Pérez” e lembrou que “desde a área de Cultura colaboramos en múltiples ocasións con el para levar a cabo distintos proxectos tanto a través da AELG, como o proxecto Enredando co Galego, como na programación cultural do Concello de Lugo, con ciclos como o Tarde e Tardiña”.
Lois Pérez (Lugo, 1979) é mestre e contador de historias, e o centro da súa actividade artística é a narración oral e a escrita. No eido da dramaturxia, gañou en 2008 un dos premios de Teatro Radiofónico da Radio Galega, coa obra Saltimbanqui, dirixida e adaptada por Quico Cadaval e interpretada por este canda Xan Cejudo e Xosé Olveira Pico, publicada en libro-cd (Xerais, 2008). Colabora coa Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG e no eido do ensino traballou e coordinou diferentes proxectos de innovación na normalización lingüística do galego na escola, premiados (2008, 2009, 2010 e 2011) por organismos oficiais e institucións diversas.