O VOCEIRO MUNICIPAL DO BNG-AA, RUBÉN ARROXO, PROPUXO A CREACIÓN DUNHA ROTONDA NO ENLACE DE FONTIÑAS COA RÚA SAN EUFRASIO
“A alcadesa terá que deixar de cartearse con Feijoo e sentarse coa Xunta para construír unha rotonda en S. Eufrasio” dixo Arroxo
A proposta enmarcase no Plan de Mellora do Tráfico que está a elaborar o BNG-AA e, segundo Arroxo, “este é un dos puntos negros en canto a siniestrabilidade”
Lugo, 5 de decembro 2016. O voceiro do BNG-AA propuxo a construción dunha rotonda no enlace de Fontiñas coa rúa San Eufrasio. Rubén Arroxo dixo que se trata dun dos puntos negros do tráfico na cidade e lembrou o accidente sucedido nos pasados días. Para o BNG-AA é necesario contemplar nos orzamentos do vindeiro ano as partidas necesarias para acometer a construcción da rotonda pero o verdadeiramente importante é que Concello e Xunta cheguen aos acordos necesarios xa que cada unha das vías é titularidade dunha administración.
Rubén Arroxo enmarcou esta proposta dentro do proxecto que o BNG – AA está deseñando para resolver os problemas de tráfico en Fotiñas e lembrou que “a pesares de que hai un acordo plenario a Mesa do Plan de Mobilidade non se chegou a constituír e xa vai máis dun ano que se tería que ter reunido” e afeou “nin alcaldesa nin o equipo de goberno teñen a intención de poñerse a traballar dun xeito serio para resolver os problemas de tráfico nesta cidade”. Arroxo asegurou que o BNG-AA buscará unha solución para o tráfico de Fontiñas ante a falta de iniciativa do goberno municipal.
“A alcadesa terá que deixar de cartearse con Feijoo e sentarse coa Xunta para construír unha rotonda en S. Eufrasio” dixo Arroxo en referencia á carta que a alcaldesa lle enviou ao presidente da Xunta “nun xesto mediatico” para trasladarlle as necesidades da cidade pero que “non se concreta en ningunha medida real para beneficiar ás veciñas e veciños de Lugo”. Arroxo dixo que “a política localista está esgotada en Lugo e agora tocar buscar solucións”.