PARA O BNG-AA “ESTA ACTUACIÓN PODERÍA SENTAR UN PRECEDENTE PARA AS INVERSIÓNS QUE A XUNTA TEN PENDENTES CON LUGO COMO O PLAN PARADAI, O CUARTEL DE S. FERNANDO OU A TINERÍA”
“A alcaldesa cazolea con Feijoo para que a Xunta non pague o IBI mentres se aplica o catastrazo”
O recibo do IBI incrementouse para todas as veciñas e veciños de Lugo que pagarán máis polos seus inmobles tras a aplicación do catastrazo
Lugo, 20 de marzo de 2017. “Mentres o PP impón, dende o goberno do estado, a subida do IBI nos concellos e o PSOE a aplica no concello de Lugo vemos como a alcaldesa cazolea con Feijoo para que a Xunta non pague o IBI” dixo Rubén Arroxo que sinalou “as veciñas e veciños de Lugo ven incrementado o importe que teñen que pagar pola contribución e a alcaldesa atrévese a perdoarlle a Feijoo o IBI de edificios da Xunta que farán que Lugo perda 3,6 millóns de euros”.
Arroxo explicou que o concello de Lugo pagará dúas veces a dotación do Auditorio “a alcaldesa renunciou a que a Xunte pague a dotación do Auditorio, Lugo aportará 3,6 millóns de euros para dotar o Auditorio, vía exención do IBI, e perderá de ingresar esta cantidade para que Lugo poida contar con máis servizos e inversións”. O BNG-AA ve unha clara “ofensa” cara as veciñas e veciños de Lugo que se lles suba o IBI dende o goberno municipal socialista e por imposición do PP no goberno do estado mentres á Xunta se lle perdona o pago do IBI polos seus edificios.
O “cazoleo” entre a Lara Méndez e Núñez Feijoo para perdoarlle a Xunta o imposto de Bens Inmobles dos edificios da Xunta é un “insulto” ás persoas que pagamos puntualmente os nosos impostos e que agora imos pagar doblemente a dotación do Auditorio. Para o BNG-AA “non é comprensible que, dende o PSOE, se renuncie a un investimento que tiña que ser da Xunta”. Arroxo sinalou que “a perda dos ingresos do IBI destes edificios suporá un enorme perxuizo para Lugo e poñerá en risco moitos investimentos por unha cantidade que non debería ter este tipo de contraprestacións”.
Un mal precedente para as inversións da Xunta
Para o BNG-AA “esta actuación podería sentar un precedente para as inversións que a Xunta ten pendentes con Lugo como o Plan Paradai, o cuartel de S. Fernando ou a Tinería”. “A partir de aquí podería darse o caso de que para cada un dos investimentos da Xunta en Lugo o PP podería chantaxear ao concello con propostas deste tipo que deixarían as arcas municipais nunha situación complexa para o futuro”.